Baltar cualifica como “un dos máis xenuínos embaixadores” da provincia ao viño do Ribeiro

Manuel Baltar na inauguración da 51 Feira do Viño do Ribeiro
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe na presentación da 51ª edición da Festa do Viño do Ribeiro que este viño “é un dos máis xenuínos embaixadores da provincia de Ourense” e que a súa historia e tradición “temos a obriga de seguir manténdoa, pois dende o século II xa se fala do viño do Ribeiro e temos que continuar protexendo e promovendo ese legado”.
Nun acto que tivo lugar no Centro Municipal “Ángel Valente”, o presidente provincial participou, xunto co alcalde de Ourense, Agustín Fernández; o alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, e o presidente da Denominación de Orixe Ribeiro, Miguel Viso, na presentación do certame que este ano desenvolverase en Ribadavia os días 2, 3 e 4 de maio.
Baltar destacou que a Denominación de Orixe Ribeiro “é a máis antiga de Galicia e a segunda de España, e mesmo Colón levou viño do Ribeiro a América, o que fala ben ás claras da importancia histórica destes viños”.
A Deputación de Ourense colabora a través do Inorde con achegas económicas para a celebración da Feira do Viño do Ribeiro, e ademais, coa participación da Real Banda de Gaitas na organización do 4º Certame provincia de gaitas, que reunirá en Ribadavia a 300 gaiteiros.
Entre as actividades coas que contará a feira este ano destacan as catas e os obradoiros gastronómicos, así como a presencia principal dos protagonistas que son os 30 produtores que exhibirán os seus viños no recinto feiral, nun evento que, un ano máis, reúne cultura, tradición, historia e viño en perfecta fusión.











