Autorizan ao Porto de Vigo para a inspección de produtos sometidos a especiais medidas de protección
A Subdirección Xeral de Sanidade Exterior do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade do Goberno de España autorizou ao Porto de Vigo como Punto Designado de Importación (PDI) e Punto de Entrada Designado (PED).
Este recoñecemento implica que a terminal que preside Ignacio López-Chaves está habilitada para a inspección de determinados produtos sometidos a medidas especiais de protección, como é o caso dos froitos secos con risco de conter sustancias contaminantes e nocivas que deben inspeccionarse por separado nunhas instalacións homologadas para este tipo de inspeccións.
Para lograr esta autorización por parte do Goberno de España, a Autoridade Portuaria de Vigo levou a cabo unha serie de melloras no Posto de Inspección Fronteirizo (PIF) cun investimento de algo máis de 36.000 euros. Estas melloras consisten no acondicionamento e remodelación do actual edificio do PIF, dotándoo dun novo paso cuberto, nova sala de inspección e cámara de seco, así como cristaleira de acceso e mobiliario, entre outras melloras.
Estas dependencias PDI e PED son necesarias para dar resposta á actividade empresarial baseada na importación e procesamiento de materias primas como cacahuetes, améndoas ou noces para consumo humano, pensos e, en liñas xerais, todo tipo de materias primas de orixe non animal, con controis específicos reflectidos nos regulamentos correspondentes.
Estas novas instalacións dispoñen das autorizacións como Punto Designado de Importación (PDI) para o control sanitario dos produtos contemplados no Regulamento (CE) 1152/2009 da Comisión, de 27 de novembro de 2009, polo que se establecen condicións específicas para a importación de determinados produtos alimenticios dalgúns terceiros países, así como de Punto de Entrada Designado (PED), segundo o Regulamento (CE) 669/2009 da Comisión, de 24 de xullo de 2009, polo que se aplica o Regulamento 882/2004 do Parlamento Europeo e do Consello.
Na actualidade, o Porto de Vigo dispón dun elevado tráfico de mercadorías a nivel internacional, o que esixe manter un alto nivel nos servizos, ao operar con máis de 80 liñas regulares conectadas con os principais portos do mundo, cun movemento aproximado anual de máis de 200.000 TEUs.











