Asociación Parkinson Galicia-Coruña dispón unha mesa informativa con motivo do Día Mundial do Parkinson

Belén do Campo na visita á mesa informativa do Parkinson
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe na Coruña a mesa informativa da Asociación de Parkinson Galicia-Coruña instalada no edificio administrativo do Goberno galego en Monelos con motivo do día mundial desta doenza.
A máxima representante do Executivo autonómico na provincia trasladou aos representantes da entidade que preside Ana Vidal o seu recoñecemento á labor que realizan a prol da mellora da calidade de vida destes pacientes e ao grande esforzo feito tamén polos familiares destes pacientes e polos profesionais da asociación, “cos que é necesario traballar e colaborar”.
A delegada amosouse interesada polas iniciativas que desenvolve a formación, creada en 1996 e que forma parte da Federación Española de Parkinson, en favor do colectivo de persoas con este tipo de doenza. Desde aquí, ofrécense diversos servizos terapéuticos, como os de fisioterapia, de logopedia ou de estimulación cognitiva, así como outros formativos e lúdicos.
Con motivo dos actos vinculados ao Día mundial do Parkinson, a asociación levará a cabo una campaña de difusión da enfermidade, así como a colocación de mesas informativas e de recadación de donativos destinados á investigación. Así, durante o día de hoxe estas mesas estarán situadas en diversos puntos da Coruña e o vindeiro día 16 trasladaranse ata Betanzos. Ademais, o mércores 23 de abril, a entidade celebrará unha gala no centro cívico dos Mallos, á que tamén asistirá a delegada territorial.











