Asínase o contrato de obras de “Mantemento de camiños públicos nas parroquias de Rus, Entrecruces, Ardaña e Berdillo”
A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura do contrato administrativo de obras do “Plan de mellora de camiños 2013. Mantemento de camiños públicos nas parroquias de Rus, Entrecruces, Ardaña e Berdillo, Concello de Carballo”, un proxecto financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader “Europa inviste no rural”). A empresa encargada de realizar os traballos é Construcciones Dámaso Ferreiro e Hijos SL por un prezo de adxudicación de 101.050 euros sendo o prazo de execución de 53 días naturais a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de replantexamento.
Esta comprobación deberá realizarse no prazo máximo de 30 días dende a formalización do contrato. A subvención concedida para a realización das obras ascende a 83.950,50 euros por resolución do director xeral de Agader no marco do Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014 ao abeiro dunha Resolución do 13 de setembro de 2013. No acto de sinatura estiveron o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e un representante da empresa adxudicataria. Hai que lembrar que o programa europeo Feader ten como obxectivo reforzar a política de desenvolvemento rural da Unión Europea, mellorando sobre todo a xestión e o control das actuacións.











