publicidade hoxe

As Xornadas Literarias de Neda trasládanse á Casa das Palmeiras para abordar a figura de Alessandro Manzoni

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

A XII edición das Xornadas Literarias de Neda, centradas no escritor e poeta italiano Alessandro Manzoni, arrancarán esta tarde, ás 20 horas co acto inaugural que presidirán o alcalde, Ignacio Cabezón, e o decano da Facultade de Humanidades, Manuel Recuero Astray. Será no campus de Esteiro de Ferrol e os seus respectivos discursos darán paso á primeira conferencia da cita: “Alessandro Manzoni e a poética da Verdade”, de Giovanni Albertocchi, da UDG. A entrada é libre e gratuíta. Mañá xoves, as Xornadas Literarias mudan de escenario e trasládanse á Casa das Palmeiras de Neda, cun especial protagonismo do séptimo arte.

Ás oito do serán, o profesor Giovanni Albertocchi repite como ponente coa conferencia “Os noivos: a construción da novela histórica”. E, a continuación, José Manuel Sande, programador do CGAI e especialista en cine e literatura, falará sobre “Manzoni no cine”. Ao seu remate, está programado un coloquio, que precederá a proxección do filme “I promesi sposi”, de Mario Camerini (1941).

Na xornada do venres, e á mesma hora e co mesmo escenario, retomaránse as Xornadas da man do clube de lectura do IES Fernando Esquío e o seu particular tributo ao autor italiano: “¡Evviva Manzoni!”. De seguido, o tradutor Xavier Rodríguez Baixeras abordará “Algúns aspectos en torno á traducción galega de “Os noivos””. E, tras o pertinente coloquio co público, os asistentes poderán gozar da música italiana do século XIX da man do violinista Enrique Agrelo e do pianista Andrés Pazos.

Paralelamente á celebración das Xornadas, a Biblioteca Municipal de Neda acolle unha mostra bibliográfica baixo o título “80 autores da literatura italiana”, aberta a todo o público. Así mesmo, a Embaixada italiana tamén dá a coñecer estes días o país mediante unha exposición, tamén no centro de lectura, con libros, CD`s, DVD`s, guías e planos.

23 de abril de 2014 | 11:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.