As vítimas do naufraxio do ‘Mar de Marín’ proceden das localidades de Barro, Cangas e Marín
Os tripulantes falecidos do ‘Mar de Marín’ cuxos corpos xa foron recuperados son o segundo patrón, Alejandro García Castro, veciño de Barro (Pontevedra); o mariñeiro encargado de engrasar o barco, Carlos Santos Villar, veciño de Cangas; e o primeiro mecánico, Hassan Boudra, natural de Marrocos e veciño de Marín.
Pola súa banda, os dous pescadores que continúan desaparecidos tras o afundimento do buque arrastreiro na ría de Vigo son Manuel Domínguez Mallo, veciño de Marín e Alexandre Nkeith, orixinal de Ghana.
Os outros cinco membros da tripulación foron rescatados con vida e son Gonzalo Santiago Torres e Juan Ramón Santiago Torres -ambos de Marín aínda que o segundo vive en Pontevedra-, Gumersindo Márquez Arias, tamén veciño de Pontevedra; Francisco Javier Pazo, de Marín e patrón do pesqueiro e un biólogo de Ferrol, Nicolás Mira.
Así o confirmaron aos medios o xerente da Asociación de Armadores de Buques de Pesca de Marín, Juan Carlos Martín Fragueiro; e Francisco Freire, da armadora do buque, Pesqueira Loira.
Ambos explicaron que a colisión co mercante ‘Baltic Breeze’ produciuse cando o ‘Mar de Marín’ volvía ao caladoiro do Cantábrico Noroeste a faenar despois de descargar as súas capturas en porto. Tamén aseguraron que o arrastreiro, que faena entre augas do Miño e do Bidasoa, contaba con todos os dispositivos de localización e de seguridade en regra.
AUTOPSIAS E INVESTIGACIÓN
Os cadáveres foron trasladados ao Hospital Nicolás Pena para a práctica das autopsias e o Xulgado de Instrución número 7 de Vigo ocúpase do asunto, segundo fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), posto que era o que estaba de garda cando ocorreu o accidente.
Pola súa banda, a alcaldesa marinense, María Ramallo, indicou que o mercante co que chocou o arrastreiro é un buque ‘bull carrier’ de tipo ‘ro-ro’ con bandeira de Singapur dedicado ao transporte de automóbiles que se dirixía a Vigo para cargar vehículos de Citroën.











