As profesoras Susa Herrera e Merchy Rozas presentan na Biblioteca de Verín “Cantos Animales”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O venres 11 de abril, de 18 a 19.30 horas, a Biblioteca Pública Municipal de Verín acollerá unha sesión de cantacontos realizados pola pedagoga, docente e compositora Susa Herrera Ruiz, acompañada da profesora e artista Merchy Rozas.

Esta sesión destinada a 50 nenos/as con idades comprendidas entre os 3 e 9 anos en compañía dos proxenitores -un pai ou nai por neno/a-, na que estas excepcionais cantacontos amosarán, de modo gratuíto, cancións do seu último libro CD ‘Cantos Animales’. Recolle 10 cancións de animais nas que aparecen moi diversos estilos musicais. No animalario deste volume están presentes os seguintes: raposo, ra, elefante (asiático), oso, gato, crocodilo, poni, panda, xoaniña e cangrexo. A Letra e música é da propia Susa Herrera e está ilustrado por María Noel Toledo. Os arranxos e a produción musical son de Carlos Calviño, que xa traballou con Susa Herrera no álbum anterior En Cabárceno se oye cantar’, do que xa se encontra á venda a segunda edición. O libro vén acompañado por un CD e un DVD cuxa produción correu a cargo de José Manuel Jambrina. Os anteriores libros de Susa Herrera son ‘En Cabárceno se oye cantar’, ‘Cartas que vienen y van’, Todos los animales al cajón’ -de la editorial Primerapersona- e ‘Animales enCantadores’ -de la editorial Corimbo-.

Sara Herrera Ruiz, que coñeceu o programa de actuacións destinadas ao fomento da lectura da Biblioteca de Verín no marco da entrega do galardón como Mellor Iniciativa ao Fomento da Lectura para Bibliotecas Públicas 2011 -concedido pola Federación de Gremios de Editores de España-, é na actualidade docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, como profesora titular da área didáctica da expresión musical. Ademais, da súa experiencia docente en todos os niveis educativos desde 1982, Herrera Ruiz impartiu máis de 200 cursos en programas de formación inicial e permanente do profesorado en diversas Comunidades Autónomas de España, e tamén en países de Latinoamérica.

Por outra banda, mañá e pasado, cincuenta alumnos/as do Colexio Rural Agrupado Monterrei visitarán a Biblioteca Pública Municipal de Verín, dentro do programa de actividades organizadas ao longo do curso escolar por esta instalación. Durante a mesma, estes menores coñecerán o servizo bibliotecario e funcionamento do mesmo -que inclúe tamén explicación de todos os espazos físicos-; así como, as diferentes actividades educativas e lúdicas que se programan ao longo do ano. Todas estas actuacións están destinadas a fomentar o interese pola lectura e cultura nos/as nenos/as, dinamizar a biblioteca, xerar o hábito de acudir a esta instalación municipal e propiciar a labor de voluntariado entre os/as usuarios/as da mesma. Esta visita constitúe a novena destas características, organizada pola Biblioteca de Verín nos últimos catro anos, xa que en ocasións anteriores acudiron os/as alumnos/as do Colexio Rural Agrupado de Monterrei, CEIP de Oímbra, CEIP O Castiñeiro de Laza, CEIP Princesa de España e Colexio María Inmaculada.

7 de abril de 2014 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.