As obras de mellora na estación de autobuses de Santiago de Compostela son licitadas por 400.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita, por preto de 400.000 euros (392.081,81€) as obras de mellora na estación de autobuses da cidade de Santiago.

Estes traballos están enmarcados dentro do Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia cuxo principal obxectivo é engadir valor a estas instalacións de servizo público, ao mesmo tempo que se mellora a calidade que perciben os usuarios ao potenciar aspectos centrados na accesibilidade, na calidade das instalacións e nos sistemas de información.

Tendo en conta que a maioría das estacións da rede galega foron construídas entre os anos 70 e 90, faise necesario adaptalas ás novas esixencias normativas de accesibilidade tanto dende o punto de vista dos modos de transporte como dos usuarios.

Neste aspecto na estación de autobuses de Santiago reconstruiranse as ramplas de acceso peonil á estación, a rampla de acceso á cafetería e construirase unha nova rampla para acceder aos aseos da entreplanta. Todas elas coas súas respectivas varandas e cun pavimento podotáctil no seu inicio.

Ademais se substituirán as escaleiras mecánicas de acceso dende a entreplanta ás dársenas por outras novas, eliminando os chanzos existentes na súa base e ampliando o foso da maquinaria. Outra mellora será a adaptación das escaleiras fixas que unen a planta principal coa entreplanta así como as de acceso da entreplanta ás dársenas, coa execución de novos chanzos, pavimento podotáctil no seu arranque e substitución das varandas.

Tamén se executarán melloras nos ascensores e se pintarán varias prazas de aparcamento para as persoas con mobilidade reducida incluída a colocación de sinal e execución de vao na entrada principal, ademais de apoios isquiáticos nas plataformas e pintado dos bancos.

Outras accións a executar na estación centraranse na mellora das instalacións coa substitución do falso teito dos aseos da planta principal e das lámpadas das plataformas por outras de maior potencia.

Todos estes traballos está previsto que se inicien entre os meses de agosto e setembro e terán unha duración de tres meses.

As empresas interesadas na realización destas actuacións centradas na potenciación dos servizos desta estación terán un prazo de 26 días para a presentación de ofertas, que empezará a contarse dende mañá e rematará o vindeiro 12 de maio.

Cómpre lembrar que esta nova licitación súmase á realizada a semana pasada, que recollía as obras de mellora da accesibilidade, das instalacións e sistemas de información noutras estacións de autobuses: A Pobra do Caramiñal, Carballo, Cedeira, Padrón, Noia, Vigo, Cangas, Gondomar, Ponteareas, Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Vilalba e Sarria.

Plan Renove

Coa finalidade de fomentar o uso do transporte público, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas lanzou o Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia que recolle a mellora e modernización da rede destas infraestruturas de transporte público por estrada da Comunidade autónoma.

O Plan Renove parte dunha auditoría técnica previa efectuada pola Dirección Xeral de Mobilidade a cada unha das estacións de autobuses das que é titular, co obxectivo de avaliar o estado de conservación das instalacións. Nesta análise constátase que as deficiencias das estacións de autobuses se deben, con frecuencia, a unha deficiente conservación e mantemento das instalacións.

O plan finánciase con cargo ao Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que dentro dos seus obxectivos estratéxicos pretende reforzar o desenvolvemento das infraestruturas ambientais e de transportes.

Na actualidade, Galicia conta cun total de 45 estacións de autobuses, das cales a Xunta de Galicia é a Administración titular de 38 estacións.

8 de abril de 2014 | 12:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.