As Mariñas Coruñesas reúne a todas as reservas de biosfera españolas no pazo de Mariñán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo convértese mañá no epicentro das reservas de biosfera españolas. A reserva coruñesa exerce de anfitrión para reunir ao total de 45 territorios nunha xornada que se celebrará no Pazo de Mariñán e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Ademais das 45 reservas tamén se desprazan á comarca os representantes de Parques Nacionais e do Comité Científico das reservas españolas. Todos eles conforman o chamado Consello de Xestores da rede española de reservas, que adoita xuntarse unha vez ao ano e que nesta ocasión As Mariñas Coruñesas decidiuse a organizar.

O presidente das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso, cualifica de “orgullo” que con menos dun ano de vida a reserva coruñesa reúna a responsables de todas as reservas españolas. “Loitamos por esta denominación para axudar ao desenvolvemento da nosa comarca e implicarémonos ao máximo para potenciala a todos os niveis”, afirma.

O Consello de Xestores reúnese mañá a porta pechada para abordar diversos asuntos comúns a todas as reservas de España. Entre as cuestións que analizarán atópase a posibilidade de crear unha marca común de reservas de biosfera españolas, que sirva como garante de calidade nacional.

O venres, tamén no pazo de Mariñán e xa aberta, terá lugar unha xornada sobre o financiamento da reserva de biosfera. Aos representantes das reservas uniranse expertos de diferentes ámbitos para estudar cal é o panorama actual e as posibilidades de inxección de fondos.

Santiso agradece o apoio da Deputación da Coruña para levar a cabo este programa. O presidente, Diego Calvo, inaugurará a xornada do venres.

9 de abril de 2014 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.