As Mariñas Coruñesas celebra en Betanzos as súas primeiras xornadas de patrimonio
A Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” celebrará os días 5 e 6 de abril as súas I Xornadas de Patrimonio. Terán lugar en Betanzos, no Edificio Liceo, e están organizadas pola reserva da biosfera en colaboración coa asociación cultural Roxín Roxal.
Na mañá do día 5 terase a oportunidade de coñecer o importante traballo de divulgación que levan a cabo as Asociacións involucradas na defensa do Patrimonio, e debateranse as fórmulas para a conservación e mellora do Patrimonio da área xeográfica que comprende a Reserva.
A xornada de sábado rematará cunha mesa debate na que, a través das aportacións de especialistas en distintas disciplinas, tentarase artellar unha mirada máis complexa do que significa o legado cultural, así como as distintas alternativas e oportunidades que existen de cara a unha conservación e mellora do Patrimonio.
O domingo 6 terá lugar un roteiro por dúas intervencións arqueolóxicas: O Castro das Travesas en Carral e a capela do Monte da Estrela en Arteixo. Dita visita será guiada polo arqueólogo Antón Malde.
Para este roteiro, o domingo sairá un autobús de Betanzos (Centro de Saúde- Ambulatorio) ás 9:30 h da mañá para regresar ás 14 h.











