‘As do peixe’ na “Primavera teatral” de Paiosaco
O programa “Primavera Teatral” de Paiosaco contará este venres cun dos espectáculos galegos mellor valorados deste ano.
As do Peixe triunfou nos premios María Casares –entregados na Coruña no pasado mes de marzo- obtendo tres dos máis importantes galardóns, como son os recoñecementos ao mellor guión orixinal (realizado por Cándido Pazó), á mellor dirección (de Cristina Domínguez) e á mellor actriz protagonista (Susana Dans, coñecida para o público en xeral polo seu papel como Olimpia na serie da TVG Pratos Combinados).
Precisamente Susana Dans encabeza un elenco de luxo que completan as actrices Mónica Caamaño, Casilda Alfaro e Rocío González. A obra, dirixida preferentemente a maiores de 14 anos de idade, é unha viaxe a través da memoria xa que escenifica a crónica das mulleres traballadores da conserva baseándose en testemuñas reais.
Cóntase a historia de catro mulleres que se reúnen periodicamente nun espazo público dedicado á memoria das conserveiras para lembrar o seu pasado laboral e o de tantas mulleres que, despois de que a fábrica de conservas máis importante da zona pechase tras moitas loitas e desenganos, víronse sen traballo e sen posibilidades reais de volver recuperalo.
A función será o venres a partir das 21.00 horas no auditorio do centro sociocultural de Paiosaco. A entrada é libre e gratuíta para todos os veciños do Concello da Laracha.











