As curuxas do Pazo da Marquesa regresan á casa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Mañá mércores San Sadurniño celebra cun mes de adianto o Día Internacional das Aves, co que se quere promover o coñecemento e a sensibilización ao respecto da protección das aves migratorias e dos seus hábitats.  Departamento municipal de Medio Ambiente e o CPI organizan conxuntamente unha charla impartida por persoal técnico do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Xunta de Galicia, situado en Oleiros. Será nos xardíns do Pazo da Marquesa entre as 12 e as 12.30 horas e na actividade participarán nenos e nenas de educación infantil, primaria e 1º da ESO.

Porén, un dos momentos máis espectaculares será a solta de dúas das tres curuxas atopadas no mesmo lugar o ano pasado durante os traballos de rehabilitación do edificio anexo ao Pazo.  Un técnico da Dirección Xeral de Conservación da Natureza identificounas daquela como exemplares de entre dous e tres meses de curuxa común Tyto alba. A idade calculouse polo seu tamaño e polo feito de que que a comezos do verán de 2013 estaban soltando a penuxe branca característica dos polos, deixando entrever xa as plumas pardas propias dos adultos.

O propio técnico da Xunta recolleu os tres exemplares para tralsadalos ao centro de recuperación autonómico, onde pasaron os últimos 9 meses. Agora dúas das curuxas volven a San Sadurniño para ser reintroducidas no contorno en que naceran. A intención da Concellaría de Medio Ambiente era facer cadrar a solta co Día Internacional das Aves, que se celebra entre o 9 e o 10 de maio. Porén, segundo os expertos, a liberación destes animais debe facerse a inicios da primavera -en plena época de apareamento- e de aí que o Concello e o CPI ordenasen adiantar xustamente un mes a celebración do día das aves.

8 de abril de 2014 | 10:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.