As curuxas de San Sadurniño regresan á casa feitas xa unhas mozas
Este mércores San Sadurniño celebrou cun mes de adianto o Día Internacional das Aves. E fíxoo deixando en liberdade dúas das curuxas atopadas o ano pasado durante as obras de rehabilitación do edificio anexo ao Pazo. Tras nove meses no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros os dous exemplares volveron á casa no medio dunha grande expectación. De feito, foron estrelas televisivas por uns minutos e deixaron coa boca aberta a un público infantil que nunca vira aves semellantes desde tan preto.
Sen pretendelo, as curuxas foron actrices principais dun espectáculo cos tempos marcados pola televisión. O espazo A Revista da TVG estivo en directo nos xardíns do Pazo da Marquesa para conectar en dúas ocasións e transmitir ao vivo a solta das aves. Así, pouco despois das 12.15 os técnicos do CRFS de Oleiros -dependente da Xunta de Galicia- déronlle a liberdade ao primeiro animal e uns minutos despois ao seu compañeiro.
Eran dúas curuxas noviñas. Poderíase dicir que adolescentes. Naceron na primavera de 2013 e a estas alturas do 2014 son xa unhas mozas -ou mozos, xa que ninguén o aclarou- que dedicarán os próximos meses a buscar o seu territorio para cazar e vivir e, por suposto, unha parella. Vicente Damil -técnico do CRFS- explicou que seguramente non vaian moi lonxe e que as dúas aves asentarán por libre nun radio aproximado dun quilómetro, probablemente nalgún edificio abandonado.
A solta das curuxas estivo organizada polo departamento de Medio Ambiente do Concello en colaboración co Colexio Público. A idea era liberar as aves na semana do 9 de maio cadrando co Día Internacional das Aves. Pero os veterinarios aconsellaron non retrasar máis a súa reintrodución na natureza e por iso se decidiu adiantar un mes a celebración.
Nos xardíns do Pazo reuníronse máis de medio cento de alumnos e alumnas de educación infantil e tamén os meniños que xogan na Casa da Cultura polas mañás. Foron os primeiros en quedar abraiados coa fermosura dunha especie nocturna que, por sorte, non está en perigo de extinción. Vicente Damil faloulles a eles e aos da televisión dos hábitos das curuxas: onde viven, como cazan, cando crían, como fan para ver pola noite, que facer se se atopa un animal ferido, etc… Pero tamén atendeu as preguntas sempre espontáneas e ocorrentes dos cativos. “¿E agora como ides facer para volvela coller?”, preguntou un neno duns catro anos despois de ver como marchaba voando a primeira curuxa.
Ao evento asistiu tamén a rapazada de 1º da ESO, que presenciou a solta da segunda curuxa, algo máis remolona que a primeira á hora de despegarse dos seus coidadores. Os mozos e mozas tamén estrearon sen sabelo o salón de sesións da que será a futura Casa do Concello, xa que trala liberación das aves impartíuselles alí unha charla sobre fauna silvestre de Galicia.











