As bibliotecas de Cambre repartirán uns 300 libros para conmemorar o Día do Libro
As bibliotecas municipais de Cambre conmemorarán o día internacional do libro, entre outros actos, coa repartición de ao redor de 300 libros de forma gratuíta aos usuarios das mesmas. A repartición realizarase a todo aquel que entre en calquera das tres bibliotecas municipais de Cambre o vindeiro mércores 23 de abril, entre as 10 e as 13:00 horas en horario de mañá e entre as 16:00 e as 20:00 horas en horario de tarde. Cambre dispón de tres bibliotecas municipais, a Central, situada no mesmo edificio do Centro de Saúde de Cambre, a dos Templarios no Amorne e a Xavier P. Docampo, na urbanización da Barcala. Cada unha das bibliotecas terá á súa disposición decenas de libros que se repartirán entre os usuarios das aulas de lectura. Os libros que se repartirán serán de diversas temáticas e haberá exemplares tanto para o público infantil, xuvenil e adulto.
Ademais, o 23, 24 e 25 haberá sesións do Programa infantil de animación á lectura “O Moucho Leroucho” nas tres bibliotecas e coincidindo coas sesións realizarase un Bookcrossing para adultos. En concreto, soltaranse” 5 libros de narrativa, poesía e teatro. Así mesmo, o 23 comeza o programa Abrilustrado, un encontro/taller dedicado ao cómic e está dirixido a alumnos de 3º da ESO do IES de Cambre. Os talleres serán impartidos por Xosé Tomás e Santy Gutiérrez, dúas figuras de recoñecido prestixio no mundo do cómic











