publicidade hoxe

Arzúa estrea o programa “Lecer no rural” na Mella este sábado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para este sábado o primeiro obradoiro de xogos do mundo para dar así inicio a unha nova edición do programa de actividades ‘Lecer no rural’ que chegará a todas as parroquias do municipio.

A primeira sesión terá lugar no local social da Mella este sábado de catro e media a seis e media da tarde, parte das actividades tamén se desonvolverán na pista polideportiva anexa ao local.

Esta iniciativa botará a andar despois do rotundo éxito que no ano 2012 tivo outra das actividades promovidas polo Departamento de Cultura, o obradoiro de xogos populares e tradicionais que contou cunha acollida e participación moi numerosa por parte dos veciños e veciñas do rural. Este novo programa vén afianzar así o firme compromiso do Concello de Arzúa de achegar o ocio e a cultura a todos as parroquias, deste xeito este mesmo sábado terá lugar o obradoiro de xogos do mundo que ata o vindeiro mes de novembro achegarase a todos os núcleos rurais, centros educativos e casco urbano.

Durante o desenvolvemento da actividade, os participantes terán un coñecemento do tipo de xogos que se realizan noutras culturas, intentando fuxir daqueles que, dada a súa enorme popularidade e longa tradición, son amplamente coñecidos. Un dos obxectivos é tamén fomentar o intercambio xeracional facendo partícipes dos xogos e das dinámicas propostas a grandes e pequenos no que será unha actividade familiar.

Neste mes de abril tamén lle tocará a quenda á parroquia de San Martiño de Calvos o día 26 e no mes de maio a Oíns e a Branzá.

O alcalde do Concello de Arzúa, José Luís García, amosou a súa satisfacción por poder pór en marcha iniciativas desta índole que tratan de “dinamizar a vida do rural procurando que os veciños e veciñas conten con actividades entretidas e novidosas para os seus momentos de ocio”.

9 de abril de 2014 | 10:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.