Arrinca en Carballo o I Festival InterPlay para converterse no primeiro certame de España dedicado ás webseries

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+
Inauguración do I Festival Carballo Interplay

Inauguración do I Festival Carballo Interplay

Despois de meses de preparación, de ilusión e de esforzo por parte da organización, o Fórum Carballo vén de acoller o acto de apertura do I Festival de Webseries Carballo InterPlay (CIP), o primeiro certame de toda España dedicado en exclusiva a promocionar, estudar e dar a coñecer as claves deste produto audiovisual. A inauguración, caracterizada pola presenza das cantareiras de Berdillo que se encargaron de animar aos asistentes coa súa música, serviu como perfecto preámbulo para catro xornadas maratonianas nas que amosar as 35 webseries que optan aos 5.200 euros que se repartirán en premios e nas que reflexionar, a través de numerosas actividades paralelas, sobre as características e retos de futuro das webseries en España.

O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo resaltar a importancia deste formato como un xeito de mirar cara ao futuro e de abrazar as novas tecnoloxías. O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, un dos principais valedores da cita, quixo agradecer o traballo de todas as persoas implicadas no festival e defendiu a obriga das administracións públicas “de apoiar a un sector económico tan importante como o audiovisual”. Tamén tivo unha mención para os padriños do festival, Daviz Sáinz e Teresa Segura, creadores de “Malviviendo”, unha webserie da que se declarou “fan” e que estreará o seu novo capítulo da terceira tempada no marco do CIP. Tanto Segura como Sáinz aproveitaron a súa presenza na inauguración para felicitar á organización e desexar que haxa moitas máis edicións.

Respecto das características concretas do programa, polas mañás, entre o xoves 24 e o domingo 27 de abril teñen lugar as actividades paralelas no Fórum Carballo, mentres que as tardes resérvanse para as proxeccións das webseries participantes no Pazo da Cultura, ou para actividades como a estrea da webserie creada en Carballo co gallo do festival ou a Gala de entrega de premios (prevista para o sábado 26 ás 20.30 horas). Así mesmo, está prevista a celebración de dous concertos o venres 25 e o sábado 26 de abril a partir das 23.00 horas na Sala Dublín. Co CIP, Carballo quere converterse por uns días nun espazo no que fervan ideas, interaccións e comunicacións. Nun lugar no que quen de cando en vez vexa unha webserie soa ou só desde o seu computador tamén a poida ver acompañado por moita outra xente, nun auditorio. Que quen comenta e opina sobre unha webserie nas redes sociais, tamén o poida facer en Carballo tomando uns viños e unhas tapas con outros/as seguidores/as desa serie, e incluso cos seus actores, coas súas guionistas, etc.

24 de abril de 2014 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.