publicidade hoxe

Arranca en Foz un programa para a mellora de formación específica dos corpos de Protección Civil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLocal PortadaLugo
A-
A+
Raquel Arias en Foz

Raquel Arias en Foz

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, participou hoxe en Foz na apertura da programación formativa da Xunta de Galicia para voluntarios e voluntarias de Protección Civil e aproveitou para poñer en valor o papel que xogan estas agrupacións “no marco dun sistema de cobertura de emerxencias profesional e eficiente”.

Arias destacou que as agrupacións de Protección Civil están “agora máis asistidas” grazas á posta en marcha de servizos profesionais de emerxencia na provincia, “pero seguen sendo igualmente necesarias”.

A delegada participou no Curso básico de Protección Civil que inicia a programación deste primeiro semestre, e no que participan 25 persoas dos concellos de Foz, Barreiros, Cervo, Viveiro, A Pontenova e Mondoñedo.

Esta acción formativa incide en aspectos como a lexislación básica en materia de Protección Civil, a planificación, as redes e sistemas de alerta, a seguridade viaria, primeiros auxilios en emerxencias sanitarias, evacuacións, ou nocións básicas en auxilio psicosocial, intervención en emerxencias ou colaboración en eventos con elevada concentración de público.

Este curso desenvolverase durante toda a presente semana, sumando en total 20 horas formativas e culminando o sábado coa realización dunha xornada de prácticas sobre os temas impartidos.

Curso na Ulloa

Na primeira quincena do mes de maio terá lugar en Monterroso un curso similar para voluntarios e voluntarias deste concello e de Chantada, Palas de Rei, Becerreá e Lugo. Así mesmo, completan o programa para este primeiro semestre un curso sobre busca de persoas en zonas illadas, un sobre incendios urbanos e forestais, e outro sobre accidentes en estradas. En total, 120 persoas participarán nestas cinco accións formativas programadas.

No segundo semestre do ano preténdese facer a mesma formación para o que a Academia Galega de Seguridade Pública abrirá o prazo de matriculación.

Da organización e impartición dos cursos, que suman preto de 200 horas de formación, encárgase a Dirección Xeral de Emerxencias, en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública.

A delegada recoñeceu “o traballo desinteresado” das agrupacións de voluntarios de Protección Civil, “que son de gran axuda para os concellos e que durante demasiado tempo careceron do soporte duns servizos de emerxencia profesionais próximos cos que colaborar”.

Nos últimos anos, apuntou, “habilitouse na provincia unha rede profesional e eficaz de servizos de emerxencia, con seis parques comarcais de bombeiros e sete GES, que estenden a cobertura a toda a provincia e garanten unha resposta rápida ante as situacións de emerxencia”.

De todos os xeitos, subliñou, “estas agrupacións de voluntarios seguen a desempeñar un papel fundamental para os concellos”. Ao respecto, puxo de relevo a colaboración tanto de Protección Civil como dos corpos de seguridade, Garda Civil, Policía Nacional, Policía autonómica, e policías locais, ou dos servizos sanitarios, “todos baixo a coordinación do 112 para responder con eficiencia ás necesidades dos cidadáns en situacións de risco”.

21 de abril de 2014 | 20:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.