Apróbanse definitivamente os orzamentos de Brión para 2014, que ascenden a 4,8 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónLocal Portada
A-
A+

O BOP de hoxe mércores publica a aprobación definitiva dos orzamentos do Concello de Brión para o ano 2014, logo de que non se presentara alegación ningunha durante o correspondente período de exposición pública. Uns orzamentos que ascenden a 4,8 millóns de euros, incrementan nun 20,8% a partida destinada a investimentos reais e reducen nun 33% o gasto en amortización de préstamos.

Os orzamentos de Brión ascenden a 4.837.790 euros, o que supón un incremento dun 8% con respecto ao exercicio anterior. A partida que máis medra é a destinada a investimentos reais, que crece nun 20,87% con respecto ao 2013, e na que máis do 65% dos investimentos está dirixido a arranxos e melloras nas pistas municipais das parroquias de Brión e a melloras na rede de saneamento e abastecemento de augas. Ademais, mantéñense as partidas destinadas a gasto social e mesmo inclúen novidades con respecto a anos anteriores, como o incremento da partida de Axudas de Emerxencia para poder sufragar o pago de medicamentos a pacientes crónicos que conten cun informe favorable dos Servizos Sociais.

Así mesmo, tamén recollen un incremento do 10,5% na súa partida de persoal con respecto ao 2013, debido á contratación do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), integrado por 12 membros. Así mesmo, inclúen un incremento do 9,88% na partida de gasto corrente, especialmente polo incremento dos prezos da electricidade e pola posta en funcionamento de novos bombeos de saneamento. Pola contra, as consignacións de pagos de intereses e gastos de préstamos descenden nun 33%

Ingresos

No que atinxe ao capítulo de ingresos, os orzamentos de 2014 recollen un incremento de 45.000 euros polas novas altas do IBI e polo aumento do parque de vehículos. Tamén está previsto un lixeiro incremento de 8.000 euros nos ingresos procedentes do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, un dos capítulos que maior baixa experimentara en exercicios anteriores.

As transferencias correntes increméntanse de xeito substancial, debido en gran parte ao financiamento que se percibe para o sostemento e mantemento do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES). Un incremento cifrado en máis de 300.000 euros, o que supón un 17% máis con respecto ao exercicio anterior. Finalmente, para o exercicio de 2014 non se prevé ningunha operación crediticia para financiar os investimentos incluídos nos orzamentos.

2 de abril de 2014 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.