Apróbanse as ordenanzas reguladoras da tala e saca de madeira, de animais perigosos e administración electrónica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia de hoxe luns 21 de abril publica a aprobación definitiva de tres ordenanzas reguladoras en Lousame: administración electrónica, animais perigosos e tala, saca, depósito e transporte de madeira, que foran aprobadas por unanimidade en sesión plenaria.

Así, a ordenanza municipal de Administración Electrónica servirá para regular a utilización da sede electrónica do Concello de Lousame (https//sedelousame.es), cuxa xestión está cedida na Deputación da Coruña. Unha iniciativa coa que o Concello de Lousame “dá o primeiro paso dun proceso longo que permitirá simplificar todos os procedementos administrativos e facilitarlle aos veciños e veciñas o acceso ao Concello, aforrándolles tempo e desprazamentos”, explica a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde. Os veciños e veciñas de Lousame terán así acceso directo a diversos servizos: presentación telemática de solicitudes, formulación de suxestións e queixas ante o órgano competente, acceso no seu caso á relación de expedientes do cidadán e aos trámites iniciados de xeito telemático, publicación electrónica de actos e comunicacións no taboleiro de anuncios ou edictos, etc.

Así mesmo, Lousame conta tamén cunha Ordenanza reguladora de tala, saca, depósito e transporte de madeira, unha vez resoltas as alegacións presentadas. Unha ordenanza que será utilizada para preservar os camiños e as pistas municipais no mesmo estado que estaban antes da realización de talas, cortas, depósitos e transportes de madeira. A medida, que non atinxe en ningún momento ás pistas e camiños forestais nin afecta a operacións de particulares, non obrigará ás empresas a presentar unha fianza polo seu traballo, senón que bastará con que demostren que teñen ao día o seu Seguro de Responsabilidade Civil para facer fronte a posibles desperfectos. Un cambio motivado pola aceptación da alegación presentada pola Confederación de Empresarios da Madeira.

Por último, Lousame conta dende hoxe cunha Ordenanza para regulación de animais potencialmente perigosos. Entre outras cousas, esta ordenanza obriga a que o dono deste tipo de animais teña que ter máis de 18 anos, dispoña dun certificado de aptitude psicolóxica e capacidade física para a posesión de animais potencialmente perigosos e acredite a formalización dun dun seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros que poidan causa-los seus animais na contía mínima de 125.000 euros. Ademais, o dono non poderá ter sido condenado por delitos de homicidio, lesións, torturas contra liberdade ou contra integridade moral, liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico.

Finalmente, o BOP de hoxe publica inicialmente os cambios na ordenanza reguladora do servizo de axuda no Fogar e no seu prezo público. Teresa Villaverde explica que “con este cambio se inclúen toda a carteira de servizos xa que non é o mesmo servizo e atención a que precisa unha persoa con deficiencia auditiva que unha persoa con outra discapacidade”. Ademais, explica que o cambio nos prezos públicos beneficiará aos veciños e veciñas de Lousame “pois se antes achegaban o 15%, agora achegarán o 10%”.

21 de abril de 2014 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.