Aprázase a Gala Solidaria de Oroso por mor das malas condicións climatolóxicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

Ante das adversas condicións climatolóxicas deste venres, o Concello de Oroso tomou a decisión de aprazar a celebración da I Gala Solidaria, que ía ter lugar na Alameda de Góis. En primeiro lugar, o Concello de Oroso quere pedir desculpas polas molestias que este aprazamento poida causar, mais considera que non se dan as condicións mínimas para a celebración deste evento.

O concelleiro de Cultura, Antonio Leira, explica que “non é simplemente que non se podan montar os inchables, que non se podan facer as actividades para os pequenos ou que non vaiamos disfrutar das actuacións, senón que a choiva e sobre todo o vento que se levantou nas últimas horas impide garantir a seguridade dos propios artistas que colaboran desinteradamente con esta Gala e dos seus equipos”. Ante esta situación, o Concello de Oroso tomou a decisión de suspender hoxe a celebración do evento e, despois dunha reunión cos propios artistas na propia Alameda de Góis, acordar o seu traslado á tarde do domingo 4 de maio.

“A gran maioría dos grupos e solistas xa confirmaron a súa presenza, quédanos confirmar tamén a dispoñibilidade dalgúns dos humoristas, que tiñan que consultar as súas respectivas axendas, polo que en breve anunciaremos o cartel definitivo da Gala”, explica Antonio Leira, quen engade que “se xa estabamos agradecidos a estas persoas pola súa colaboración desinteresada, agora ese agradecemento é dobre”.

Colaboracións

Finalmente, o Concello de Oroso agradece especialmente a colaboración de todos aqueles veciños e veciñas que, a pesar das inclemencias climatolóxicas, fixeron un esforzo para achegar ata a Alameda de Góis tanto alimentos como roupa e utensilios de aseo para as familias máis necesitadas do municipio. Ademais, informa de que se algún veciño/a ten xa cousas que ía traer esta tarde e non pode agardar ata o vindeiro 4 de maio, pode entregalas no departamento de Servizos Sociais (rúa do Deporte).

25 de abril de 2014 | 20:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.