Apertura do prazo de solicitude para as 827 prazas das Escolas Infantís Municipais da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Educación, Francisco Mourelo, informou esta mañá sobre o prazo de presentación de solicitude de prazas para a Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM), que se manterá aberto entre hoxe e o próximo 9 de maio. “As familias coruñesas disporán dun total de 827 prazas o que supón un incremento de 187 en relación ao curso pasado coa incorporación de dúas novas escolas como son a de Carmen Cervigón e a do Agra do Orzán”, destacou Francisco Mourelo, quen explicou que para esta última escola, aínda en construción, abrirase un proceso de admisión específico durante o primeiro trimestre do curso 2014/15.

As familias poderán solicitar praza nun máximo de dúas escolas infantís municipais. En concreto, no próximo curso contarase coas seguintes prazas:

– EIM A Caracola, 82 prazas.

– EIM Arela, 115 prazas.

– EIM Carricanta, 115 prazas.

– EIM Os Rosales, 123 prazas.

– EIM Luís Seoane, 87 prazas.

– EIM Monte Alto, 41 prazas.

– EIM Os Cativos, 87 prazas.

– EI Carmen Cervigón, 95 prazas.

– EIM Agra do Orzán, 82 prazas.

Cando conclúa o prazo de solicitude de prazas, celebraranse os Consellos Escolares en cada escola os días 13, 14 e 15 de maio e a comisión de escolarización será o 16 de maio. As listas provisionais publicaranse o día 19 de maio; o período de reclamacións será os días 19, 20 e 21; e a publicación das listas definitivas será o 22, día no que se abrirá o prazo de matrícula que se prolongará até o 3 de xuño. O comezo do curso escolar será o próximo 3 de setembro.

“Ademais do incremento de prazas pola incorporación de dúas novas escolas á Rede, a gran novidade para este curso escolar será a aplicación dun novo regulamento, baseado na estratexia Europa 2020, con novidades moi importantes nos criterios de adxudicación das prazas de novo ingreso”, explicou Mourelo, quen engadiu: “Neste sentido, ponse en marcha un paquete de medidas concretas que consisten en medidas que favorecen a menores de contornas desfavorecidas, a economía das familias coruñesas e á discapacidade”.

I. Medidas que favorecen a menores de contornas desfavorecidas

A REIM ofertará o 2% das prazas en cada escola con carácter gratuíto para aquelas familias cunha renda anual por unidade familiar inferior ao 100% do IPREM. Ademais, increméntase en 1 punto a diferenza a favor das rendas máis baixas respecto das máis altas; o Concello valora a situación de desemprego dos pais; e contémplanse as prazas de emerxencia social para fillas e fillos de vítimas de violencia de xénero.

II. Medidas que apoian á economía das familias coruñesas

Francisco Mourelo explicou que o Concello cubrirá o custo total da praza escolar correspondente ao segundo e sucesivos irmáns matriculados nalgunha escola da REIM.

“Ademais, o novo regulamento establece por primeira vez unha serie de medidas de apoio ás familias coruñesas: as familias empadroadas no Concello terán preferencia absoluta no proceso de admisión ás escolas da REIM, en relación ás empadroadas noutros Concellos; tamén se dá a posibilidade de cambiar de escola, no período de reserva de praza, a menores matriculados no curso anterior coa condición de que teñan un irmán/a en a escola solicitada facilitando a agrupación familiar e a conciliación de vida persoal e laboral; e valórase a condición de familia numerosa con 3 puntos”, explicou Mourelo, quen tamén destacou que no novo Regulamento valóranse con 2 puntos cada un dos membros da unidade familiar  (no Regulamento do 2008, valorábase unicamente cada fillo e con 0.5), valórase con 4 puntos a ocupación do pai e da nai (no Regulamento do 2008, valorábase esta circuntancia con 3), e por primeira vez, establécese como primeiro criterio de desempate a maior puntuación por irmáns nas escolas da REIM e valórase a condición de familia monoparental con 2 puntos.

“En consecuencia, o novo regulamento pon en práctica as directrices europeas para este ciclo educativo, deseñando un proceso de admisión máis adaptado á realidade social e por tanto máis xusto, creando para os menores das familias coruñesas, verdadeiras oportunidades de igualdade”, explicou o concelleiro.

O concelleiro de Educación tamén lembrou que as tarifas da praza escolar mantéñense conxeladas desde 2012 asumindo tamén o Concello o incremento do IPC.

III. Medidas que favorecen á discapacidade

O Regulamento de 2008 non garantía o ingreso dun menor con discapacidade ao supeditalo á existencia de condicións estruturais e de persoal suficientes e adecuadas. Ademais, aínda que se cumprisen estas, non se permitía a presenza de máis dun menor con discapacidade por unidade. O novo Regulamento anula esta limitación, establece un procedemento para valorar a discapacidade onde o informe favorable de especialistas aconsellen a escolarización e garante que cumprindo este último requisito, “ningún menor con necesidade específica de apoio educativo quede sen praza nalgunha escola da REIM”.

Por outra banda, o novo regulamento valora con 3 puntos a discapacidade do menor. No Regulamento do 2008, valorábase con 1 punto. Por último, o novo regulamento valora a discapacidade doutros membros da unidade familiar con 2 puntos. O anterior regulamento facíao con 0.5.

O novo Regulamento, a demanda das familias, fai unha aposta inequívoca polo carácter plurilingüe na REIM, garantindo a presenza das dúas linguas oficiais de Galicia, así como unha primeira aproximación á lingua inglesa para menores de 2 e 3 anos. No regulamento do 2008, apostábase polo bilinguismo e non se garantía a todos os menores da REIM a aproximación á lingua inglesa no ultimo ano. Desta forma, había escolas que impartían inglés e outras que non o facían dando lugar a unha situación de desigualdade entre menores da mesma idade.

“Ademais, o novo Regulamento dá preferencia ás escolas na participación nos programas educativos municipais. Por exemplo, os 640 menores da REIM e a maioría das súas familias han participando xa no programa Educa Saúde, así como no Plan de Autoprotección como o resto dos centros educativos da cidade”, concluíu o concelleiro.

22 de abril de 2014 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.