Apertura do prazo de presentación para a solicitude de parcelas para o uso das hortas municipais de Montealegre
O Boletín Oficial da Provincia recolle hoxe a exposición pública da convocatoria para a cesión de parcelas no parque de Montealegre. Así, todas as persoas interesadas poden presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello nun prazo de 21 días a contar desde mañá, xoves 10 de abril. Esta convocatoria está baseada na Ordenanza reguladora de uso das hortas municipais, aprobada polo Pleno municipal.
O proxecto de hortas urbanas de Montealegre, actualmente en fase de construción, suma un total de 53 hortas, cun acceso independente ao parque. Destas, cinco delas serán destinadas a persoas con mobilidade reducida; e outras tantas serán cedidas á Universidade para levar a cabo proxectos de investigación. O espazo estará dotado dunha caseta para gardar aparellos e un aseo; así como unha toma de auga por parcela.
Mediante este proxecto, o Concello pretende fomentar aquelas accións que repercutan na mellora e benestar da cidadanía, á vez que incide na protección do medio ambiente, as prácticas medioambientais e o beneficio da saúde. Co frecuente abandono e consecuente perda dos modos de produción agrícola enraizados na nosa cultura agrícola, coas hortas municipais preténdese apostar por esa pervivencia, así como pola integración interxeracional.
Coa posta a disposición destes espazos, preténdese que a poboación adopte unha actitude activa na ocupación do seu tempo libre e de lecer, á par que se enriquecen os valores saudables e medioambientais. Trátase, en definitiva, de facilitar a intervención da cidadanía no desenvolvemento sostible, favorecendo a integración e coexistencia das culturas propias do campo e da cidade.
Entre os principais obxectivos desta iniciativa atópanse:
Fomentar a participación cidadá, promovendo relacións e intercambios interxeracionais e interculturais a través da transmisión das tradicións rurais populares en materia agrícola.
Establecer e valorar as relacións entre o medio natural e as actividades humanas, impulsando un maior coñecemento e respecto polo medio ambiente, dando a coñecer o uso de enerxías limpas e prácticas respectuosas co contorno.
Promover boas prácticas ambientais de cultivos: xestión de residuos, agricultura ecolóxica, aforro de auga, recuperación de usos e costumes da agricultura tradicional, etc.
Recuperar espazos urbanos para uso público, achegando diversidade á paisaxe do municipio e ofrecendo un espazo de lecer e actividade ás persoas.
Favorecer a integración de colectivos desfavorecidos, ocupando o seu tempo e facilitando a creación de novas relacións e a obtención de alimentos básicos.
Promover unha alimentación sa e hábitos saudables, proporcionando espazos que permitan realizar actividades físicas e mentais en contacto coa natureza.
As únicas condicións para o acceso ao uso das hortas son as seguintes: ser maior de idade, estar empadroado no municipio cunha antigüidade mínima dun ano, residir no Concello e estar ao corrente das obrigas fiscais e tributarias.
A duración da cesión inicial do aproveitamento será de dous anos, contados desde a adxudicación, podendo ser prorrogado por mutuo acordo por períodos sucesivos dun ano. En todo caso, a duración total da cesión non poderá ser superior a catro anos.
O sistema de adxudicación inicial das hortas realizarase mediante sorteo entre todas as solicitudes admitidas. Unha vez adxudicadas as parcelas, os solicitantes non adxudicatarios pasarán a unha listaxde de agarda segundo a orde asignada no sorteo, para os efectos en caso de renuncia ou extinción dos titulares das parcelas.
Será factible entre os usuarios o intercambio ou troco dos produtos obtidos nas parcelas, quedando prohibida a comercialización de ditos produtos, así como o arrendo da horta a terceiras persoas.
Documentación a presentar
Para presentarse na convocatoria, é necesario entregar a seguinte documentación:
Certificado de empadroamento.
Fotocopia compulsada do DNI.
Fotocopia do Libro de Familia.
Declaración xurada de compromiso de coidado e mantemento da horta.
Certificado de estar ao corrente das obrigas tributarias.
Declaración xurada, certificado ou informe médico onde se indique que o solicitante que vaia cultivar a horta pode realizar tarefas agrícolas sen risco para a saúde.
Os colexios deberán achegar o certificado de acordo de petición da horta escolar, así como nomeamento dun coordinador das actividades.
Documento que acredite xubilación, prexubilación ou estar inscrito como demandante de emprego.
Calquera documento que estime oportuno para acreditar circunstancias especiais que xustifiquen a concesión das hortas de interese social.











