Apertura do prazo de inscrición para participar no Open PontealDU

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

Desde hoxe 15 de abril está aberto o prazo de inscrición para participar no Open PontealDU, unha carreira aberta e integrada dentro do calendario do Mundial de Dúatlon “Pontevedra 2014”.

O obxectivo desta proba é dar a posibilidade de participar no Mundial a aquelas persoas que non logren a clasificación para os grupos de idade do Campionato do Mundo e para todos aqueles deportistas que lles gustaría facer o percorrido oficial e gozar das instalacións dunha proba deste nivel.

O Open PontealDU celebrarase o día 1 de xuño (10:15 horas) sobre distancia sprint (5 quilómetros de carreira a pé, 20 quilómetros de bicicleta e 2,5 de carreira a pé). Poden participar na mesma deportistas das categorías junior, sub 23, senior e veteranos e haberá trofeo e medalla para os tres primeiros clasificados de cada categoría (e sexo).

A proba, integrada dentro do calendario do Mundial, ten tamén un aspecto social, xa que desde a organización anímase a todas e todos os participantes a entregar alimentos non perecedoiros para o Comedor Social San Francisco no momento no que recollan os seus dorsais. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe até o día 23 de maio ás 23:59 horas, e podedes facer a inscrición a través da páxina web da Federación Galega de Tríatlon (www.fegatri.org) (apartado de Competicións/inscrición).

15 de abril de 2014 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.