Apertura do prazo de inscrición na andaina Terras de Altamira que dará a coñecer as paisaxes de Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

A asociación xuvenil brionesa “O esquío no piñeiro”, en colaboración coa Piscina Municipal de Brión, abre hoxe as inscricións na andaina “Terras de Altamira-Brión 50 km”, que se vai celebrar por ver primeira vez o sábado 17 de maio de 2014, coincidindo coa conmemoración do Día das Letras Galegas. As inscricións poden formalizarse online ,a través do blog (http://andainaterrasdealtamira.blogspot.com.es/), ou presencialmente na Piscina Municipal de Brión antes do 4 de maio. O prezo de inscrición é de 10 euros.

Esta primeira Andaina “Terras de Altamira” nace “coa idea de dar a coñecer aos sendeiristas as bonitas paraxes que podemos atoparnos no Concello de Brión, xa que percorreremos sendeiros a través dos nosos montes, ao carón dos ríos Sar e Tambre, veremos fervenzas, castelos e unha morea de puntos de interese que non deixarán indiferente a ningún participante da ruta”, explican Dora Vieiro, presidenta da asociación “O esquío no piñeiro”.

Percorrido

O total da Andaina suma 50 quilómetros e está distribuída en tres aneis, con saída e chegada na Carballeira de Santa Minia, polo que os participantes non están obrigados a percorrer os 50 quilómetros. Durante as 12 horas que durará a iniciativa, os camiñantes poderán elixir o anel ou aneis nos que participa, segundo a distancia que desexe percorrer: 50 kms (Aneis 1, 2 e 3), 36 kms (Aneis 1 e 2 ou Aneis 2 e 3), 28 kms (Aneis 1 e 3); ou simplemente un dos aneis: 14 kms (Anel 1), 22 kms (Anel 2) ou 14 kms (Anel 3).

A Carballeira de Santa Minia será o punto neurálxico da andaina, pois de alí sairán e rematarán cada un dos tres aneis. A saída xeral no primeiro anel está fixado ás 9:00 horas do sábado 17 de maio. Ás 12:00 horas tomará a saída o segundo anel e ás 16:00 horas o terceiro. Durante a proba haberá avituallamentos tanto líquidos como sólidos, así mesmo estableceranse dúas zonas con “avituallamentos mais abundantes” co cal non será necesario que os participantes carguen con comida nin bebida para o mediodía.

Os 10 euros do prezo de inscrición inclúen dous regalos conmemorativos da proba, avituallamentos sólidos e líquidos durante o discurso da mesma, “comida” nun punto intermedio da ruta, asistencia aos participantes, servizo de ambulancias, servizo de duchas e piscina, e algunha sorpresa mais que aínda están ultimando dende “O Esquío no Piñeiro”. “Queremos que esta andaina sexa un punto de encontro para compartir o noso amor polo medioambiente e polo deporte”, sinala Dora Vieiro. Dende a asociación xuvenil recomendan levar roupa e calzado axeitado, así como unha mochila provista de: gorra, gafas de sol e crema solar (protección).

21 de abril de 2014 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.