Aparcamento restrinxido dende as 12:00 horas do sábado 26 de abril en 9 das principais rúas de Sigüeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso informa a todos os veciños e veciñas da prohibición de estacionar os seus vehículos en nove rúas do casco urbano de Sigüeiro a partir das 12:00 horas do sábado 26 de abril, xa que están incluídas no circuíto da I Carreira Pedestre Concello de Oroso. Unha prohibición que se estenderá ata o remate da proba, previsto para as 20:30 horas.

A prohibición de estacionar será total nas rúas do Campo, Pablo Iglesias e Camiño Inglés. Nas outras seis rúas a prohibición só afectará ao tramo incluído na proba: rúa do Deporte (dende a rúa Pablo Iglesias ata a rúa Campo), rúa Ourense (dende o cruce coa rúa Campo ata o Camiño Real), Camiño Real (dende o cruce coa rúa Ourense ata a rúa Tambre), rúa Tambre (dende o cruce co Camiño Real ata a rúa Lengüelle), rúa Lengüelle(dende o cruce coa rúa Tambre ata a rúa da Cultura) e rúa da Cultura (dende o cruce da rúa Lengüelle ata o Camiño Inglés). Así mesmo, os axentes da Policía Local e os voluntarios de Protección Civil encargaranse de regular a circulación de vehículos por estas rúas durante as horas de celebración da proba (de 17:30 a 20:30 horas).

Participarán 650 atletas

Hoxe xoves pecharanse as inscricións nesta primeira edición da Carreira Pedestre “Concello de Oroso”, que conta xa con 646 atletas anotados, de todas as idades e procedentes de toda Galicia. As categorías que rexistran unha maior participación son a absoluta, con 174 anotados (150 homes e 24 mulleres), a prebenxamín (con 105 participantes) e a nova categoría creada este ano: a “Pitufo” (nados en 2009 e posteriores), con 86 pitufiños/as anotados.

A II Carreira Pedestre “Concello de Oroso” disputarase a partir de 17:30 horas do sábado 26 de abril e inclúe un total de cinco probas, con distancias adaptadas ás catorce categorías establecidas. Todas elas terán saída e chegada na rúa Camiño Inglés de Sigüeiro (a carón da Casa do Concello) e o circuíto correspondente a cada proba estará debidamente sinalizado.

Ás 17:30 horas tomarán a saída os participantes na proba absoluta, que percorrerán unha distancia de 9,5 quilómetros. Dentro da proba absoluta establécense sete categorías: júnior, sénior e cinco categorías de veteranos. Unha hora despois, ás 18:30 horas, terá lugar a proba dos “Pitufos” sobre unha distancia de 300 metros pola rúa Camiño Inglés de Sigüeiro. Ás 18:45 horas, os prebenxamíns (nados en 2007 e 2008) farán o mesmo percorrido.

Ás 18:50 horas será a quenda dos benxamíns (nados en 2005-2006), que darán unha volta ao circuíto urbano de Sigüeiro (1 quilómetro). Dez minutos despois (19:00 horas) sairán os alevíns (2003-2004) e ás 19:15 horas sairán os infantís (2001-2002). Ambos darán dúas voltas ao circuíto urbano (2 quilómetros). Pecharán a carreira os cadetes (1999-2000), ás 19:30 horas, e os xuvenís (1997-1998) ás 19:45 horas, percorrendo un total de 3 quilómetros.

A entrega de premios terá lugar ás 20:30 horas. O Concello de Oroso entregará un total de 63 trofeos, xa que serán premiados os 3 primeiros clasificados de cada unha das categorías, para homes e para mulleres. Os premios non serán acumulativos e nas categorías prebenxamín e pitufo non haberá entrega de trofeos, xa que todos os participantes recibirán unha medalla.

O Concello de Oroso porá a disposición dos participantes un punto medio de avituallamento onde se repartirán augas e ao remate da proba regalarase unha bolsa zapatilleiro, froita e refrescos a todos/as os participantes que cheguen á meta

 

24 de abril de 2014 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.