Ao Azkar Lugo escápaselle nos instantes finais o partido en Gran Canaria

Encontro do Azkar Lugo co Gran Canaria. Foto: Colegios Arenas Gran Canaria
O Gran Canaria xogábase moito esta noite, o poder seguir tendo opcións de seguir loitando pola permanencia, e acabouno conseguindo. O Azkar Lugo, que chegou cunha vantaxe de dous goles á recta final do choque, viu como o Colegios Arenas lle remontaba o choque con porteiro-xogador. Os lucenses, que sufriron moito durante o segundo periodo con todo o que se xogaban os canarios, tiñan encarrilado o choque cara á vitoria, pero a superioridade de porteiro-xogador dos locais permitiulles remontar o choque ata o 4-3. A punto estivo de empatar na última xogada do partido o Azkar, pero unha ocasión de Chano non encontrou o gol.
O partido arrincou sen demasiada intensidade, con minutos de tanteo por parte de ambos equipos e unha escadra a local que esperaba en media cancha aos lucenses. Así as ocasións, e durante boa parte do primeiro acto así foi, repartíronse entre as porterías de Dani Cabezón e Mendiola que se amosaban seguros. Ao minuto 5 Iago Rodríguez estrelaba un disparo no pau e co paso dos minutos o partido collía ritmo, as ocasións eran máis claras, os amarelos intentándoo con moitos disparos exteriores que atallaba Mendiola e o Azkar con perigosas contras. O marcador non sufría variacións, pero si o fixo no minuto 16 cando unha boa xogada de equipo acababa no 0-1 de Cuco. Antes Mendiola interviñera para salvar un man a man ante Juanillo. Coa mínima vantaxe dos galegos chegábase ao descanso.
Tralo paso por vestuarios o partido cambiou. O Gran Canaria, quizais froito do que se xogaba, apropiouse do partido e púxose a atacar constantemente sobre a meta de Mendiola que se amosaba moi seguro. Pero ao minuto 25 unha man fora do área de Dani Cabezón supoñía a súa expulsión e na superioridade o Azkar Lugo facía o 0-2. Os canarios seguiron e seguiron atacando, os azuis sufrían en defensa, pero vían como unha vez tras outra Mendiola, con ata cinco disparos claros en cinco minutos, detiña todo o que chegaba a súa portería. Eran os peores minutos dos pronistas e nun erro na saída de balón chegaría o 1-2 de Carlos Alberto. Crecíanse os locais, empuxaban con forza, pero nunha contra cunha gran triangulación, Jandri e Cuco selaban unha gran xogada que acababa co 1-3 do propio Jandri. Ese gol parecía ter efecto no partido, aínda que segundos despois cando os isleños xa atacaban con porteiro-xogador, Juanillo pelexaba un balón e facía o 2-3. Os de Suso Méndez crían nas súas posibilidades e seguían atacando en superioridade, aos de Diego Ríos tocáballes poñerse o mono de traballo en defensa. Os amarelos intentábano con disparos exteriores e nun deles, Yeray chutaba e tras pegar o balón en Chano despistaba a Mendiola e o 3-3 ao electrónico con cinco minutos para a conclusión. O empuxe final dos locais foi aínda a máis, agora si co Azkar Lugo tocado vendo como en dous minutos o Gran Canaria empataba a contenda. Nese empuxe final un forte disparo de novo de Yeray atopaba de novo o camiño do gol e chegaba a remontada para os locais (4-3). Entón o Azkar Lugo tamén apostou por Álex Diz como porteiro-xogador, pero as escasas ocasións atopáronse con Igor que ocupaba a meta local trala expulsión de Dani Cabezón. Tamén Suso Méndez seguía apostando polo porteiro-xogador, aínda que a un minuto do final retiraríao. O Azkar Lugo buscou o empate, pero este non chegou pese a Chano gozar dunha última ocasión coa bocina case soando. O Azkar vía como se lle escapaba o partido, o Gran Canaria vía como aínda pode loitar por non descender.
Ficha técnica:
Colegios Arenas Gran Canaria 4: Dani Cabezón, Lincon, Campoy, Yeray e Juanillo, -cinco inicial-, Marc Areny, Juanpe, Dani Laurino, Carlos Alberto, David Guerra e Igor.
Azkar Lugo FS 3: Mendiola, Diego Núñez, Jandri, Cuco e Chano, -cinco inicial-, Iago Rodríguez, Antonio Diz, Álex Diz e Zala.
Árbitros: Redondo Arenales e Viedma Martín (comité madrileño). Amonestaron con tarxeta amarela a Marc Areny (Gran Canaria) e a Jandri, Chano, Iago Rodríguez e Zala (Azkar). Expulsaron con vermella directa a Dani Cabezón (Gran Canaria).
Incidencias: 28ª xornada de liga en 1ª división. Centro Insular de Deportes. Uns 150 espectadores.
Goles: 0-1 min. 16 Cuco, 0-2 min. 25 Chano, 1-2 min. 31 Carlos Alberto, 1-3 min. 33 Jandri, 2-3 min. 33 Juanillo, 3-3 min. 35 Yeray e 4-3 min. 37 Yeray .











