Ana Souto Villanustre, ex-alumna do IES de Brión, logra o Premio Nacional de Educación no ensino non universitario
A ex-alumna do IES de Brión Ana Souto Villanustre acaba de obter o Premio Nacional de Educación no ensino non universitario, na categoría de rendemento académico do alumnado, correspondente a Bacharelato do curso 2012/13. Unicamente quince alumnos/as en todo o estado acadaron o premio, entre os que Ana Souto obtivo o oitavo posto. Como todos os alumnos e alumnas premiados, Ana Souto recibirá un documento acreditativo da concesión do Premio e 1.000 euros.
Non é o primeiro galardón que recibe Souto Villanustre, pois tamén conseguiu o Premio Extraordinario de Bacharelato, outorgado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta veciña de Agronovo (Os Ánxeles) rematou o Bacharelato no IES de Brión cun 9,9 de media, ao que engadiu un 9,79 na Selectividade. O seu soño, segundo indicou nunha entrevista na revista municipal Altamira, é traballar como tradutora no Parlamento Europeo.











