Alba María gaña o I Certame de canción de autor en galego Concello de Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

Alba María impúxose aos restantes sete finalistas na gala decisiva do I Certame de Canción de Autor en Galego ‘Concello de Teo’. O director artístico do certame, Xoán Curiel, salientou que o xurado tivo un labor “difícil” polo “elevado nivel” dos oito artistas que chegaron á fase final do concurso.

Carme Hermida, concelleira de Cultura e membro do xurado, foi a encargada de xustificar o premio “polo enraizamento da proposta musical de Alba María na tradición galega e pola orixinalidade, variedade e actualidade das sáus cancións”.

O xurado estivo formado por Carme Hermida, concelleira de Cultura do Concello de Teo; Uxía Senlle, unha das artistas galegas máis recoñecidas representando á parte artística; Pepe Cunha, fundador do portal www.abretedeorellas.com en representación da prensa especializada e Montse Rivera, directora de Merlo Branco Produccións representando as industrias culturais.

Como premio, Alba María vai ter a posibilidade de gravar un disco de oito temas. Para tal fin, contará co local de Nsaio de Teo, facilitado polo Concello. Ademais, disporá dunha serie de concertos e de promoción dese primeiro traballo discográfico.

A Concelleira de Cutlura destacou tamén que “o resto dos participantes a pesar de non gañar deben estar orgullosos da súa participación”. Ademais de destacar “a diversidade das propostas” Carme Hermida expresou o desexo de que o ano que vén “poidamos celebrar a segunda edición deste certame”.

Premios do público

Xoán Curiel sinala tamén o “importante apoio” dun público “moi participativo” que concedeu dous accésits que recaeron en Nastasia Zürcher como mellor artista e á canción orixinal polo seu tema ´Voar´. Na súa opinión, a gala foi o punto culminante a meses dun proceso cultural “pioneiro” que deixa “un fabuloso sabor de boca” tanto na parte estritamente artística como entre participantes e público.

Por último, o director artístico agradeceulle á organización, o Concello de Teo, aos patrocinadores —Secretaría Xeral de Política Lingüística e Gadis— e ás entidades colaboradoras —Músicos ao Vivo, Asociación de apoio aos Músicos Noveis Galegos Amunoga, cafetería A Senra (Pontevea-Teo) e a tenda de música compostelá ‘O Pazo das Musas’—a súa implicacion, sen a cal «non sería posible este evento».

Alta participación

A esta primeira edición do certame inscribíronse 23 artistas, unha cifra elevada que “superou as nosas expectativas”, enfatiza Xoán Curiel. Número amplo, “como tamén ampla foi a calidade demostrada”, conclúe.

7 de abril de 2014 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.