publicidade hoxe

Adxudícanse 170.600 euros para as obras de mellora das rúas Hortas e Aroma de Lenda, en Vilanova de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVilanova de Arousa
A-
A+

A Deputación de Pontevedra adxudicou en 170.600 euros os traballos de mellora da pavimentación e de renovación das redes de saneamento e abastecemento nas rúas Hortas e Aroma de Lenda, no casco antigo de Vilanova de Arousa.

As obras foron adxudicadas á empresa Canalizaciones y Construcciones Salnés S.L. na Xunta de Goberno da Administración provincial.

Os traballos teñen como finalidade adecuar estas rúas, situadas no contorno do paseo marítimo e que na actualidade presentan un notable deterioro tanto do firme como das canalizacións. De feito, os tendidos eléctricos e de telefonía son aínda aéreos, suxeitos con grampas ás fachadas das vivendas ou ben conducidos por medio de postes, coa conseguinte mala imaxe.

No caso da rúa Aromas de Lenda, que pasa a carón do concello e enlaza cunha zona na que xa se realizaron actuacións de humanización e mellora, presenta zonas de pavimento de adoquín e outras de formigón, todas elas notablemente deterioradas, mentres que no caso da rúa Hortas todo o pavimento é de formigón e presenta numerosas gretas e roturas.

Nos dous casos, as canalizacións de saneamento e abastecemento están sen renovar desde a súa construción, non existe canalización separada de pluviais e fecais e a rede de abastecemento está realizada en fibrocemento, un material hoxe en desuso.

Para corrixir esta situación, dotaranse as dúas rúas dunha nova rede de abastecemento, realizada con tubaxes de polietileno de alta densidade e a rede de saneamento realizarase en tubaxes de PVC de 315 mm de diámetro, conectándoa coa rede municipal.

No que respecta á pavimentación, as beirarrúas realizaranse en solado de pedra de granito gris alba, mentres que a calzada dotarase dun pavimento de formigón.

Estes traballos completaranse coa instalacións de tubaxes para a canalización das liñas eléctricas e de telecomunicacións, que na actualidade aínda discorren por vía aérea, ben por medio de postes ou grampadas ás fachadas das vivendas, co conseguinte prexuízo estético nunha zona de especial interese para o visitante como é o núcleo antigo e o contorno do paseo marítimo.

12 de abril de 2014 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.