Adrián Varela e María Castelao, concelleiros e abonados e accionistas do Rio Natura Monbus

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

A falta de só cinco xornadas para concluír a presente tempada, o Rio Natura Monbus recibe desde o palco o apoio de numerosas autoridades en cada partido, no que destaca a presenza da corporación do goberno municipal de Santiago de Compostela. Independentemente diso, algún dos membros da Xunta de Goberno Local non dubidan en ir máis aló co seu apoio ao club. É o caso de Adrián Varela, concelleiro de Deportes, e de María Castelao, concelleira de Servizos Sociais. Ambos son tamén abonados, accionistas e habituais no Fontes do Sar animando aos de Moncho Fernández nos días de partido.

O edil Varela, asegura que como Licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, a súa afección polo equipo non é só circunstancial. “Como admirador do deporte en xeral e do compostelán en particular, seguirei sendo abonado dos equipos deportivos da cidade no momento no que non sexa concelleiro”, afirma. Apela a unha “cuestión de sentimento” para dar ese paso. “Creo que é fundamental para a viabilidade destes proxectos o apoio social, posto que por moito que se empeñen administracións e entidades privadas, si non hai unha masa social, unha afección, nada ten sentido”.

Recoñece, ademais, que desde o punto de vista institucional, á parte deportiva súmaselle un valor engadido: “É unha realidade que o deporte é un motor económico hoxe en día para calquera territorio, como demostra, por exemplo, o estudo sobre o impacto socioeconómico do Rio Natura Monbus presentado pola Universidade de Vigo hai unhas semanas”, declarou o cargo público.

No plano puramente deportivo, ambos os edís confían plenamente no Rio Natura Monbus para culminar a tempada alcanzando con contundencia os obxectivos marcados, facendo gozar así aos seus afeccionados dun ano máis na primeira categoría do baloncesto español.

30 de abril de 2014 | 10:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.