Aberto ata o 30 de abril o prazo de inscrición na gardería municipal de Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión abre o prazo de inscrición de nenos e nenas de 0 a 3 anos na escola infantil municipal para o curso 2014-2015, que estará aberto ata o 30 de abril. Unhas inscricións que se xestionarán no centro social polivalente de Pedrouzos, onde poderá entregarse a documentación a partir do martes 15 de abril.

Despois da renovación dos 52 cativos xa presentes este curso na gardería municipal, este ano ofertaranse un total de 40 prazas: 16 prazas para bebés menores de un ano, 10 prazas para nenos e nenas de 1 a 2 anos e 14 prazas para nenos de 2 a 3 anos. O número final de admitidos dependerá de se os solicitantes solicitan o horario completo ou tan só horario de mañá ou de tarde.

Para poder participar nesta convocatoria, os nenos deberán estar empadroados en Brión, ter 3 meses de idade en setembro (e non cumprir os 3 anos antes do 31 de decembro de 2014) e acadar a puntuación suficiente no baremo de admisión. A documentación precisa é: DNI dos pais, libro de familia, declaración da renda do exercicio 2012 e informe da situación actual da Tesourería Xeral da Seguridade Social  ou Informe de Vida Laboral (actualizados ao mes de abril para facerse unha idea exacta da situación actual da unidade familiar). Así mesmo, se é o seu caso, deberán presentar a tarxeta de demandante de emprego, o certificado de discapacidade, o certificado de separación/divorcio ou o convenio regulador.

De acordo coa renda familiar e o número de membros da familia, o Concello de Brión outorgará unha puntuación a cada solicitude, que será a que determine a admisión dos rapaces no caso de que houbese máis solicitantes que prazas.

11 de abril de 2014 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.