publicidade hoxe

Abegondo forma en técnicas de horta ecolóxica para o consumo no fogar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondo
A-
A+

A agricultura ecolóxica atópase en pleno auxe. Está identificada, de feito, como unha das posibles áreas de crecemento económico en Galicia, e especialmente na comarca, coa obtención do título de reserva de biosfera, que permitirá a creación dunha marca de calidade propia para estes produtos.

Esa promoción da agricultura ecolóxica como potencial recurso de emprendimiento está a ser traballada desde As Mariñas Coruñesas e desde o propio Concello de Abegondo. O goberno local decidiu lanzar unha formación específica nesta materia, especialmente pensada para os veciños que desexan pór en práctica unha horta ecolóxica para consumo propio.

Nestes momentos desenvólvese o primeiro dos talleres que compoñen o programa formativo municipal, na aula de Natureza de Crendes. Comezou o pasado luns 21 e finaliza este mércores 30, con todas as prazas completas.

O Concello programou un segundo taller para dar resposta á demanda dos veciños. Comezará o luns 5 e prolongarase até o 14 de maio. Aínda existen prazas libres, polo que os interesados poden contactar co Concello no 686 35 28 66. Os talleres abordan materias como as características dos chans en canto a materia orgánica, textura, ou granulometría; a analítica do chan; a identificación e loita contra as pragas e enfermidades na horta; ou o uso dos fertilizantes. Ademais, os participantes efectúan unha visita práctica únaa explotación hortícola e a un viveiro.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, resalta o “proveitoso” de formarse en horta ecolóxica, tanto polas posibilidades de futuro que ten como polos beneficios saudables e coidado do medio que propón.

28 de abril de 2014 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.