A Xunta reúnese con membros do sector turístico e asociacións da zona sur da provincia lucense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoMonforte de Lemos
A-
A+
Raquel Arias durante a reunión

Raquel Arias durante a reunión

Representantes de asociacións e membros do sector da hostalería e o turismo da zona sur da provincia de Lugo participaron hoxe nunha xornada técnica na que se tratou sobre as distintas liñas de colaboración público-privadas dispostas para a mellora do ámbito turístico.

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, asistiu tamén á xuntanza, na que se tratou, ente outros aspectos, as medidas dispostas pola Administración autonómica para incrementar a calidade e competitividade dos servizos.

Na xuntanza, na que participaron representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL) e da delegación da asociación de hostalería da zona sur, así como representantes do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, da agrupación de turismo rural da zona sur Ribeira Sacra Rural e xerentes de hoteis e casas rurais da zona, abordáronse tamén as distintas campañas postas en marcha para promover o ámbito turístico deste territorio sur lucense.

Neste sentido, tratouse precisamente tamén sobre unha das novidades confirmadas por Turismo de Galicia de cara aos vindeiros meses para promover o turismo na zona, como é o caso dunha nova ruta dos trens turísticos. Este ano 2014, os viaxeiros poderán escoller entre sete rutas diferentes, clasificadas por temáticas e en diferentes zonas de Galicia. Así, poderanse percorrer en tren os cinco territorios das denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia, entre as que se inclúe a da Ribeira Sacra.

Ao fío da promoción da zona, falouse tamén, por exemplo, da aposta polo paso da Vuelta a España pola zona e a participación na comitiva da proba co stand de E para comer… Lugo, a promoción do enoturismo, a través das Rutas dos Viños de Galicia (viaxes no viñobús, xornadas de portas abertas nas adegas e a disposición de aplicacións en móbiles para dar a coñecer os recursos vitivinícolas e turísticos da contorna).

Pero tamén se apuntou como importante a incidencia no sector dos Outonos Gastronómicos, na que durante tres meses participaron 11 casas rurais da zona, e dos Concertos de Outono, con dúas actuacións na contorna.

1 de abril de 2014 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.