A Xunta de Goberno da Laracha adxudica o contrato de subministro de 200 colectores amarelos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha, reunida hoxe en sesión ordinaria, adxudicou o contrato de subministro de douscentos colectores amarelos á empresa Contenur S.L. por un importe de 31.944 euros e un prazo de garantía de doce anos.

A Mesa de contratación clasificara previamente -e en base aos criterios de valoración establecidos nos pregos do procedemento aberto- as ofertas presentadas, sendo a citada a proposta coas mellores condicións para o Concello da Laracha. O aforro con respecto ao orzamento máximo de licitación é do seis por cento.

Nos próximos días realizaranse os trámites administrativos necesarios para a formalización do contrato e, unha vez se dispoña dos colectores, o Concello da Laracha os distribuirá por sete parroquias (incluíndo os tres cascos urbanos) para reforzar a cobertura da recollida selectiva de plásticos e envases.

Esta iniciativa enmárcase no Plan que o goberno local impulsa co obxectivo de facilitar a reciclaxe dos residuos sólidos urbanos e aumentar a cantidade de material recollido para tal fin no termo municipal. A adquisición destes douscentos colectores é a primeira fase do programa, xa contemplada nos orzamentos xerais deste exercicio. A segunda fase, que está previsto realizar ao longo deste ano, afectará ás outras seis parroquias.

Licencias urbanísticas e facturas

Na reunión de hoxe tamén se acordou conceder tres licencias de obras, sendo unha delas para a construción dunha vivenda municipal, e autorizar o pagamento de facturas correspondentes á prestación do servizo de axuda no fogar durante o mes de marzo e o canon do primeiro trimestre á empresa concesionaria da xestión do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, sendo o importe total duns 21.000 euros.

7 de abril de 2014 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.