A xornada dos “Martes saudables” de Oroso centrouse na sexualidade nos nosos maiores
Unha vintena de veciños e veciñas de Oroso participaron na tarde de onte martes nunha nova edición dos “Martes saudables cos maiores”, unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Oroso para achegar aos nosos maiores temas relacionados directamente co coidado da súa saúde. Así, nesta xornada debateron sobre a sexualidade nos nosos maiores, dende a menopausa e os problemas de erección ata os exercicios do suelo pélvico tanto para homes como para mulleres.
Paula Sánchez Flórez, matrona do Centro Hospitalario da Coruña, destacou a importancia da prevención e recomendoulle aos presentes acudir periodicamente as consultas de xinecoloxía e uroloxía. Ademais, abordou cos presentes os problemas causados pola osteoporose, explicoulles os factores de risco e suxeriulles unha serie de consellos de alimentación e de exercicios para prevela. Finalmente, Paula Sánchez tamén ofreceu unha serie de consellos prácticos para a saúde dos nosos maiores tanto para prever os problemas de próstata (como recomendar aos homes que mexen sentados) como para facilitar o tránsito intestinal.
O gran interese espertado por este programa motivou que o Concello de Oroso decidira que os “Martes Saudables cos maiores” pasen a ter carácter mensual. A próxima cita será o martes 13 de maio, en horario de 17:00 a 19:00 horas, no local da Terceira Idade de Sigüeiro (rúa do Campo). O tema elixido é a diabetes. A participación é totalmente gratuíta, se ben por cuestións de loxística é preciso anotarse previamente nos Servizos Sociais de Oroso ou chamando ao 981 688 950.











