A xoiería pontevedresa Pilar Álvarez é elixida como o comercio favorito en Máis que comercio!

Entrega de diploma aos representantes da xoiaría
A xoiería Pilar Álvarez, situada no exterior do mercado de abastos pontevedrés, foi a elixida como o comercio favorito polos participantes na iniciativa Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de marzo nos establecementos asociados ao centro comercial urbano.
Este negocio, con preto de sesenta anos de traxectoria e no que traballa xa a terceira xeración de xoieiros, foi o que máis clicks recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían ao seu establecemento preferido.
No acto no que se entregaron tanto o diploma ao establecemento máis votado como os agasallos conseguidos polos clientes participaron a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, ademais de representantes do CCU, entre outros.
Vázquez Abeal salientou que ademais de poñer en valor o traballo dos centros comerciais abertos Máis que comercio! ten por obxectivo resaltar os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade. A iniciativa está a percorrer Galicia ao longo deste 2014, desenvolvéndose cada mes en cinco centros comerciais abertos de diferentes localidades galegas.











