A xenialidade de Estela vale dous puntos para o Mecalia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaDeportes
A-
A+
Encontro do Mecalia e o Zuazo. Foto: Ignacio Saa

Encontro do Mecalia e o Zuazo. Foto: Ignacio Saa

Este é o resultado e isto é o que conta, aínda que en verdade non se corresponde exactamente cos méritos de cada un dos equipos durante o encontro.

Empezou o Zuazo xogando máis e mellor e púxose por diante no marcador, iniciativa que mantería durante practicamente todo o encontro, mentres o Guardés a duras penas lograba manterse no partido grazas á garra e ao xenio das xogadoras, a carácter individual, xa que o xogo colectivo  era hoxe espeso en ataque e frouxo en defensa. De todos os xeitos, cada vez que o equipo local, esporeado en todo momento pola bancada, lograba achegarse no marcador, unha magnífica Tania Yañez puña de novo terra polo medio.

Así se chega ao descanso cun 11-14 que non presaxiaba nada bo.

Tras o paso por vestiarios parece que as cousas cambian e o Mecalia aperta logrando a igualada a 14 no minuto 35, pero non consegue tomar a iniciativa e a pesar de manterse iguais a 17 no minuto 40, e cando a afección empuxando a lume de biqueira xa cría ver a remontada, novamente as de Barakaldo toman a iniciativa sen lograr distanciarse.

Chégase ao minuto 55 cun 22-23, o que nos facía presaxiar un final de infarto. Con todas as espadas no alto, as visitantes incrédulas ante un posible resultado favorable que non poderían haberse imaxinado e as locais, atenazadas pola angustia de ver marcharse os dous puntos, cun público totalmente entregado, o partido volveuse tolo e os goles íanse alternando. Logrou o Guardés empatar e superar, chegando ao último minuto con posesión e un 25-24. Esperábanos un minuto angustioso, pero os nervios xogan unha mala pasada e unha perda de balón inoportuna dálle a oportunidade ás biscaíñas. Oportunidade que non desaproveitan e a falta de 14 segundos logran o empate. 25-25.

Tempo morto do Guardés para preparar xogada de estratexia, xogada que soamente logra un golpe franco ao límite da bucina.

Cando xa todos nos conformabamos co empate como mal menor, quedaba soamente o lanzamento da falta a tempo cumprido.

Ao lanzamento, Estela Doiro, ante un case imposible, pero a xenialidade xorde, e cun movemento corporal logra enganar á barreira que inexplicablemente se move e por ese pequeno oco e abaixo, logra marcar ante a deseperación de Maria Esteban.

O pavillón estala, o 26-25 definitivo sobe ao marcador.

Final memorable dun partido para esquecer.

Ficha do encontro.-

Polo Mecalia.- Ana Cerqueira, Vanesa Amorós (3), Barbara Cerqueira, Estela Doiro (11), Carla Abad, Cristina Mestre, Alesia Kurchankova (3), Andrea Dapena (1), Irene Sanchez, Carmen Martín (5), Amit Izak, Catarina Corte, Teresa Ferreira, Laura Morais (3)

Polo Zuazo.- Tania Yañez (13), Ainhoa Hernandez (5), Yanire Echave (2), Oihane Gil, Miren Aldecoa, Maria Esteban, Leticia Cobo, Alexandra Gil (1), Patricia Ahedo, Vanesa Alvarez (3), Mahia Galarza, Nagore Andraka, Jessica Bonilla (1), Veronica Fernandez.

Arbitros.-Pedro Amigo e Javier Espadas de Castela A Mancha.

Exclusións.- Polo Mecalia.- Barbara Cerqueira (3) e Andrea Dapena .

Polo Zuazo.- Leticia Cobo (2)

Marcador cada cinco minutos.-

2/3, 4/6, 7/10, 9/10, 10/12, 11/14 Descanso 14/14, 17/17, 17/20, 20/21, 22/23, 26/25 Final

13 de abril de 2014 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.