A Valmiñor SUP CUP achegará a modalidade paddle surf a Baiona e Nigrán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportesDeportes PortadaNigrán
A-
A+
Presentación da Valmiñor Sup Cup

Presentación da Valmiñor Sup Cup

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, expresou hoxe a súa satisfacción pola posta en marcha dun novo evento deportivo do surf galego, a Valmiñor SUP CUP, que celebra a súa primeira edición os días 3 e 4 de maio nos concellos de Baiona e Nigrán.

O evento, pertencente á modalidade paddle surf ou paddle board, na que se empregan táboas e remos para impulsarse, está organizado polo Club Galego de Surf e conforma a primeira das dez probas do Circuíto Nacional de SUP Race 2014, promovido pola empresa Stand up surf.

Na presentación celebrada hoxe, Lete Lasa felicitou ao club organizador e ao seu presidente Coque Araújo, na actualidade o mellor deportista galego de SUP, por este novo paso no desenvolvemento en Galicia dunha modalidade, o Stand Up Paddleboard, en pleno auxe a nivel mundial e nacional, “que na nosa comunidade non só está espertando o interese das escolas e dos amantes do surf senón algo aínda máis importante, que é a súa práctica por persoas ata o de agora alleas ás actividades náuticas e á actividade deportiva en xeral, ao tratarse dun deporte sinxelo de aprender, seguro e divertido, apto para calquera idade e moi apropiado tamén para comezar a practicar en familia e en augas tranquilas”.

O secretario xeral subliñou a idoneidade da costa do Val Miñor para a práctica do surf a remo, que permite aos deportistas “gozar da incomparable paisaxe que debuxa a península de Baiona, o estuario do río Miñor, Praia América, o porto de Panxón e as Illas Estelas, un exemplo do rico patrimonio costeiro sobre o que Galicia desenvolve unha parte importante do seu turismo deportivo”.

A Valmiñor SUP CUP consta de dúas probas, a race travesía e a race técnica, nas que está previsto que participen ao redor de 50 deportistas. No primeiro caso trátase dunha proba de longa distancia, na que a categoría de élite percorrerá 12,5 km, con saída e chegada en Baiona (praia de Ladeira), pasando pola praia Santa Marta, praia de Barbeira, Panxón, Monte Lourido e Río Miñor (ponte romana). Na categoría amateur o percorrido redúcese a 8 km.

A race técnica é unha competición en formato sprint con varias voltas a un circuíto técnico entre varias boias con varios porteos na praia. Establécese a categoría élite e amateur, pero farán o mesmo percorrido, que será de 1,3 km.

Ademais, ao longo da fin de semana celebraranse bautismos e clases de iniciación de SUP e haberá unha zona de exposición de material técnico.

En Galicia, o surf conta con 3.950 licencias, das que case a metade –o 47 por cento- pertence ao deporte feminino, e 70 clubs.

30 de abril de 2014 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.