A Universidade Popular de Ourense bate récord de inscricións nas máis de 100 actividades ofertadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O programa Universidade Popular da Concellería de Educación continúa o seu crecemento, tanto a nivel participativo como de propostas ofertadas. Pechado o prazo de matriculación en todas as actividades formativas, as 2.532 matrículas supoñen o récord histórico de participación, así como o número de preinscricións, con 3.354. En contraste coa edición previa, matriculáranse 2.461 cidadáns, e preinscribíranse 3.070.

Entre as novidades desta edición, destacan cursos como “Aerodance” -combinación de técnicas e movementos de baile e aerobic-, “Aproximación á literatura hispanoamericana do século XX”, “Protocolo empresarial”, “Intelixencia comercial”, “Creación de empresas”, “Plan de negocio para emprendedores” ou “Monitor de comedor escolar”.

A evolución da participación nos últimos cinco anos foi en constante crecemento, ata chegar a cuadriplicarse (na edición 2008-2009 participaron 640 alumnos).

Asamblea Xeral da Federación Española de Universidades Populares

O programa Universidade Popular da Concellería de Educación participou recentemente en Cáceres na Asamblea Xeral da Federación Española de Universidades Populares, así como nas Xornadas Técnicas de Universidades Populares. Nesta xuntanza, celebrada o 14 e 15 de marzo, asistiron alcaldes, concelleiros e técnicos de 12 comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Asturias, Canarias, Castilla La Mancha, Castilla León, Extremadura, Galicia, La Rioja, Madrid, Murcia e Valencia).

Baixo o lema “Universidades Populares, un Compromiso de Igualdade coa Cidadanía: Innovación, Coñecemento e Creatividade”, a FEUP (Federación Española de Universidades Populares) coordinou diferentes reunións e grupos de traballo sobre temas e actividades de interese para todas as UUPP, ante unha cidadanía que necesita e demanda máis que nunca as UUPP como servizos educativos e culturais que facilitan a aprendizaxe ao longo da vida e a participación cidadá, no exercicio do Dereito a Aprender para a mellora da Calidade de Vida e a Igualdade.

O proxecto ourensán da Universidade Popular dialogou sobre a súa situación no contexto actual e se estudiaron futuras liñas de traballo, dende un modelo de educación de persoas adultas de vangarda no noso país que aborda os problemas da cidadanía dende o ámbito educativo, cultural e de integración social e que traballa polo avance do coñecemento e a empregabilidade.

3 de abril de 2014 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.