A unidade de primeira atención de Vilagarcía atendeu a 577 familias en só tres meses
A Área de Servizos Sociais de Vilagarcía creou a finais do pasado ano un novo departamento co obxectivo de poder atender con maior axilidade o crecente volume de usuarios que recibe. A concesión de tres técnicos contratados temporalmente a través da Bolsa de Práctica Laboral da Deputación permitiu poñer en marcha a Unidade de Primeira Atención (UPA) o pasado mes de setembro, un departamento que ata decembro atendeu 577 unidades familiares, segundo se desprende da memoria de actividade de 2013. A organización dos servizos sociais complétase cunha Unidade Administrativa, tres Unidades de Traballo Social, Unidades de Educación Social, Unidade de Programas e Unidade de Coordinación nas que traballan outras 9 persoas.
A UPA é a porta dos Servizos Sociais municipais, xa que é o departamento que recibe aos usuarios que acoden por vez primeira ou que reactivan un expediente inactivo dende hai 2 anos; ademais de ofrecer información sobre axudas de emerxencia e que precisan dunha primeira valoración en relación ao cumprimento dos requisitos e de atender os casos que se presentan como urxentes. Neste último caso, dende a UPA derívase o caso á Unidade de Traballado Social correspondente fixando cita coa prontitude que esixa a demanda.
Ao actuar como filtro e orientar adecuadamente cada caso ao departamento ou recurso preciso, a UPA libera de carga de traballo ao resto dos Servizos Sociais, o que se traduce nunha maior axilidade nos tempos de tramitación. Os tres bolseiros que a compoñen son dous traballadores sociais.
En casos, a atención péchase xa na propia UPA, cando alí mesmo se resolve o caso; ou por abandono dos usuarios que desisten tras a primeira consulta. O protocolo de actuación establece que os restantes casos seguen o seu curso ben, por derivación interna á UTS de zona ou por derivación externa a outros servizos ou sistemas de protección doutras administración ou colectivos sociais cos que o Concello ten fixado o protocolo de coordinación.
Nos tres primeiros meses de funcionamento da UPA, período que coincide co último trimestre de 2013, a unidade tramitou un total de 353 expedientes, dos cales 181 corresponderon á reactivación de expedientes inactivos e os 172 restantes a expedientes novos de persoas que acudían por vez primeira aos Servizos Sociais.
No conxunto das atención realizadas dende setembro a decembro de 2013, a través da UPA recibiron unha primeira valoración e asistencia un total de 577 unidades familiares. O recurso máis tramitado foi o de Axudas de Emerxencia Social de carácter municipal (149 expedientes), seguido de información xeral sobre as prestacións do sistema (139 casos). En canto ao inicio de solicitudes da RISGA, a UPA encargouse de 93 casos e comezou os trámites de 68 expedientes de Axudas de Emerxencia Social da Xunta de Galicia.
A Unidade de Primeira Atención tamén se encargou de realizar valoracións / revisións de Grao de Minusvalía (14), de xestións de Pensións non contributivas de Xubilación (12) e de Invalidez (9), do Programa Reconduce (12), e trámites para a bonificación de Impostos (8). Por cuestións de habitabilidade, a UPA atendeu 5 casos, máis outras 4 solicitudes de informe de habitabilidade. Ademais, tramitáronse 3 tarxetas de estacionamento, 2 certificados de mobilidade e 2 novas solicitudes para o programa Xantar na Casa.
A primeira cita co Traballador Social dáse en 15 días
Despois destes primeiros meses de funcionamento, tense comprobado que o funcionamento da Servizos Sociais Municipais gañou en axilidade coa UPA. De feito, no mes de xaneiro, cando a plantilla da Área que dirixe Elena Suárez volveu a estar ao completo tras os períodos vacacionais de Nadal e da baixa dalgún traballador, grazas ao funcionamento da UPA e as primeiras atencións realizadas por este servizo, o tempo de espera para a cita inicial na Unidade de Traballo Social reduciuse a 15 días para casos ordinarios. Os de emerxencia reciben un tratamento especial.
O acerto da creación da Unidade de Primeira Atención para optimizar o funcionamento dos Servizos Sociais nuns anos nos que o volume de demanda medra constantemente, fai preciso manter este departamento. Esta é a idea que ten a concelleira no marco das medidas adoptadas para poder abarcar e dar cobertura as necesidades crecentes que planean os usuarios e seguir mellorando a prestación da Área de Servizos Sociais.











