A UDC Narahío celebra o seu 40º aniversario cun xantar e unha verbena
Naraío vivirá un día de festa para celebrar os corenta anos de creación do seu clube de fútbol. A directiva da entidade organizou un xantar no que se reunirán antigos xogadores, exdirectivos e veciños e veciñas da parroquia. Hai preto de 400 persoas inscritas, que gozarán dun completo menú baixo a carpa instalada ao pé do campo de fútbol da Veiga. O clube poralle fin á xornada coa actuación da Charleston Big Band.
O xantar de confraternización está posto para as 14h. e servirase un menú a base de paella e churrasco que inclúe a sobremesa, o café e un licor. A el confirmaron a asistencia vellas glorias e tamén membros das sucesivas directivas que foi tendo o equipo desde a súa fundación. De feito, unha das fotografías máis agardadas será a que reúna os presidentes da UDC, entre os que só faltará Manuel Soto, falecido prematuramente hai varios anos.
Porén, na pista polideportiva de Naraío tamén se reunirán familiares, siareiros e siareiras, e ducias de veciños e veciñas de Naraío que lembrarán a historia do clube e as súas orixes. O propio Manuel Soto lembraba nunha entrevista realizada en 1996 que o primeiro equipo -aínda non federado- estaba formado a finais dos 60 e comezos dos 70 por mozos da parroquia que xogaban nun prado do lugar da Barcia e que despois empregaban o río como ducha, fose verán ou inverno.
O traballo veciñal conseguiu xuntar terreos -uns mercados e outros cedidos- para construír o campo de fútbol no lugar que ocupa hoxe. Ao seu carón foron medrando tamén as instalacións: primeiro un vestiario de bloque e uralita, logo unha cantina, despois un peche, alumeado, despois uns vestiarios novos, despois un local compartido coa A.VV, máis adiante un local aínda maior e máis equipado… ata chegar ao momento actual, co equipo xogando a 2ª categoría rexional.
Toda esta evolución aparece recollida na revista conmemorativa editada polo clube, que se distribuirá gratuitamente entre os asistentes ao xantar. Trátase dun resume destas últimas catro décadas que incorpora entrevistas e múltiples fotografías das aliñacións que foron pasando polo Naraío desde os primeiros tempos. A maioría poderán verse e recoñecerse nunha exposición de fichas e fotografías instalada no local social que permanecerá aberta ata o final da temporada.
Como remate da festa a directiva actual organizou unha verbena aberta ao público que comezará ás 22 horas. Actuará a orquestra Charleston Big Band, unha das de maior tirón de toda a volta.
Na celebración do 40º aniversario da UDC Narahío colaboran varias casas comerciais e tamén o Concello de San Sadurniño.











