A UAD de Monforte publica un novo número do Boletín Familiar
O Boletín Familiar é unha iniciativa do equipo de prevención da Unidade Asistencial de Drogodependencias, adscrita á concellería de Sanidade que dirixe Antonino Luaces.
O boletín foi deseñado para fortalecer o papel preventivo da familia no consumo de drogas, desde o convencemento de que previr na familia é algo natural á mesma, é dicir, algo posible de realizar día a día, de forma sinxela e constante desde unha idade moi temperá.
Preténdese favorecer que a familia tome conciencia de que ten unha ampla capacidade de influencia sobre os fillos en materia de prevención de condutas de risco e, entre elas, a do consumo de drogas. Doutra banda, procúrase facilitar á familia estratexias e recursos que permitan a súa actuación dun modo adecuado no que respecta á educación e á prevención de condutas de risco nos fillos.
Este número do boletín, titulado “Que estilo de pais somos?Reflexionando acerca de nós os pais”, distribuíuse polos diferentes centros educativos da cidade en formato papel. As persoas interesadas nos contidos do boletín poden descargalo na web do Concello ou solicitalo na UAD, persoalmente ou a través do Tlf. 982 400 495.











