A secretaria de Igualdade visita Cáritas Santiago para coñecer o traballo de atención ás mulleres inmigrantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
López Abella na visita a Cáritas Santiago

López Abella na visita a Cáritas Santiago

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá a sede de Cáritas Santiago para interesarse polo seu programa de atención de mulleres inmigrantes que exercen a prostitución en clubs e pisos da comarca de Santiago. Esta iniciativa, xunto coas de outras dez entidades sen ánimo de lucro, foi financiada a través dun convenio de colaboración polo departamento de Igualdade da Xunta.

López abella reuniuse co representante de Cáritas na capital galega, Jose Anuncio Mouriño, e coa coordinadora do programa e responsable do Centro da Muller ‘Vagalume’, Cleofé Rodríguez, que lle explicaron o traballo realizado o ano pasado cando se atendeu a 406 mulleres en situación de prostitución e/ou trata con fins de explotación sexual.

Segundo os datos revelados pola asociación, destas 406 mulleres, a maioría eran de nacionalidade brasileira (110), dominicana (85), romanesa (58), colombiana (42), paraguaia (30) e nixeriana (23). En torno ao 75 por cento tiñan entre 25 e 54 anos e estudios de educación primaria ou secundaria.

O programa de Cáritas Santiago actúa en seis áreas: social -acollida, acompañamentos, trámites e xestións-; saúde integral -atención psicoterapéutica e grupos de desenvolvemento persoal-; xurídica -asesoramento, formación en dereitos humanos e identificación e asistencia a vítimas de trata-; formativa; laboral -formación previa, laboral e busca de emprego- e sensibilización, realizando xornadas, e campañas en medios de comunicación.

Como resultado de todo este traballo, a coordinadora do programa explicoulle á secretaria xeral que Vagalume converteuse nun lugar de referencia e apoio para todas as mulleres atendidas, aumentando a súa autonomía e fortaleza persoal, o coñecemento dos recursos ao seu alcance e creando unha rede de apoio social “estable e sana”.

10 de abril de 2014 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.