A sala de exposicións de Brión acollerá unha mostra sobre a obra de Rosalía feita por estudantes
A Sala de Exposicións de Brión acollerá este venres 25 de abril, ás 20:30 horas, o acto de inauguración de “Cantargrafías”, unha mostra composta por 30 imaxes fotográficas (14 analóxicas e 16 dixitais) e dous pirogravados en madeira realizados polo alumnado do Ciclo de Fotografía do Instituto de Ensino Secundario Virxe do Mar (Noia). Unha interesante exposición que poderá visitarse ata o 14 de maio.
Montse Pernas, profesora do Ciclo de Laboratorio de Imaxe do centro de secundaria noiés, explica que a mostra “é unha homenaxe do alumnado de Fotografía do IES Virxe do Mar ao 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos” xa que “as imaxes ilustran fragmentos ou versos dos poemas escritos por Rosalía de Castro e a temática vai desde paisaxes e tradicións, na liña máis costumista desta autora, ata temas de denuncia social, como a emigración, as desigualdades sociais… ou a Rosalía máis intimista (o amor e o desamor, o sufrimento, etc) que se expresan a través de imaxes tanto conceptuais coma literais”. Unhas imaxes nas que non podían faltar a referencia a Bastavales (Brión).
As imaxes expostas foron tomadas nas bisbarras de Muros-Noia, Barbanza e Compostela, debido á diferente procedencia do alumnado matriculado no ciclo, entre os que tamén se atopan dúas alumnas de Brión e outra de Rois. A mostra (que xa percorreu os centros culturais de Noia, Outes, Boiro, Lousame, Porto do Son e Muros) será inaugurada polo alcalde de Brión, Xosé Luís García, e polo director do IES Virxe do Mar, Xavier Castro.











