A rotonda de Galeras non se paralizará tras superar o trámite da Comisión de Patrimonio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A Comisión Asesora de Patrimonio Histórico do Concello de Santiago, órgano encargado de analizar o impacto estético dos proxectos municipais, deu o seu visto bo á urbanización da rotonda proxectada no barrio de Galeras e á mellora dos accesos ao parking privado ao que se dotará dunha nova entrada dende unha zona pública, proxecto que non se paralizará malia as protestas veciñais.

Ratificouno este martes a concelleira responsable de Urbanismo, María Pardo, quen subliñou que a Comisión non puxo “ningunha obxección” ao proxecto, aínda que si realizou dúas achegas relativas a “ampliar” a beirarrúa do lateral onde está a boca de entrada do parking e atrasar “uns centímetros” o paso de peóns. “Esteticamente e demais, todo correcto”, apostilou.

Pardo subliñou que aínda falta a licenza do proxecto privado, pero sinalou que se podería empezar a traballar na parte “pública”, toda vez que ambas as dúas son “independentes”. Sobre a licenza para a parte privada do proxecto, avogou por deixar traballar os técnicos de urbanismo”, aínda que cre que “debe estar a punto de darse”.

Así as cousas, augurou que “non se demorará moito unha parte da outra (en relación á pública e a privada)”, ao tempo que constatou que a intención da empresa é a de “empezar a obra canto antes”. En calquera caso, incidiu en que os “prazos” non dependen dela, senón “dun particular”.

PROTESTAS VECIÑAIS

Preguntada sobre as protestas dos veciños que denuncian a “privatización” dun espazo público e se teme que recrúen unha vez que a Comisión de Patrimonio deu luz verde ao proxecto, proclamou que ela “non” teme “a nada”. “Ben, temo a moitas cousas, pero iso non o temo”, matizou.

A xeito de argumento, proclamou que o proxecto “non ten trampa nin cartón” e insistiu en que ela tiña a “completa seguridade” de que ía superar sen problemas o trámite da Comisión Asesora de Patrimonio.

“NON SE VAI PARALIZAR”

Acerca de se non sería “máis prudente” paralizar as obras á espera de que se resolvan as actuacións xudiciais que emprenderon os seus veciños, replicou que “non están nos tribunais, están na Fiscalía” e defendeu a continuidade do proxecto ao entender que “non hai por onde atacalo”.

“Non ten trampa nin cartón e non o imos paralizar porque estamos convencidos das súas bondades, con custo cero para o Concello e unha tramitación perfectamente levada”, aseverou, antes de asegurar que, polo momento, non lle consta “ningún recurso contencioso-administrativo” dos veciños.

1 de abril de 2014 | 15:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.