A policía da Laracha investiga a procedencia de dúas verteduras incontroladas de lixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Policía Local da Laracha iniciou as investigacións oportunas dirixidas a determinar a procedencia de senllas verteduras incontroladas de lixo en puntos do termo municipal da Laracha.

O Concello da Laracha detectou a presenza dunha trintena de neumáticos que foron abandonados na entrada ao cemiterio novo de Torás, así como dun televisor e varios espellos na cuneta da estrada que comunica Gabenlle co núcleo de Fonte da Canle.

Unha vez realizados os correspondentes informes policiais, as brigadas municipais de limpeza retirarán nas próximas horas o material que foi ilegalmente abandonado en lugares non habilitados para tal fin.

A imposibilidade de que o Concello poida controlar e vixiar as 24 horas do día a ampla superficie municipal da Laracha implica que a concienciación cidadá e o respecto ao entorno e á poboación sexan os valores que impidan o xurdimento destas verteduras ilegais.

É por iso que desde o Concello da Laracha solicitamos a colaboración veciñal para tratar de determinar aos responsables da autoría destes actos que, ademais de alterar a convivencia cívica, poden xerar importantes riscos medioambientais.

As verteduras incontroladas de lixo están tipificadas como infraccións graves da ordenanza municipal de promoción de condutas cívicas e protección dos espazos públicos, sendo a contía económica das sancións a aplicar de entre 750 e 1.500 euros.

O Concello da Laracha lamenta a actitude incívica dos responsables destas situacións e lembra que o Punto Limpo da Laracha é un servizo totalmente gratuíto para os usuarios que está a disposición de todos os veciños do municipio no Formigueiro, moi preto do casco urbano da Laracha. A esta instalación deben levarse os residuos que, polas súas características, non poden depositarse nos colectores habituais. Tamén existe o servizo gratuíto de recollida de voluminosos a domicilio.

11 de abril de 2014 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.