A OMIC da Coruña atendeu 50 consultas diarias e tramitou 1.349 queixas e denuncias durante 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, presentou esta mañá a memoria da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) que recolle todas as accións realizadas en 2013 en materia de consultas, reclamacións e  actividades formativas sobre consumo.

Na presentación do documento, Cid destacou que durante o pasado ano a OMIC atendeu 18.032 consultas, o que arroxa unha media diaria de 50 ao día, das cales 1.349 foron reclamacións e denuncias. Respecto de 2012, tanto o número total de consultas como o de queixas e denuncias baixou un 35% e 19%, respectivamente, descensos motivados pola menor presenza de casos relacionados co sector bancario, segundo explicou a edil (o número de reclamacións por participacións preferentes e subordinadas caeu un 77% con respecto ao 2012).

O informe da OMIC recolle que o 90% das reclamacións e o 91% das consultas xestionadas pertencen, un ano máis, ao sector servizos, un ámbito que engloba campos tan distintos como gas, auga, luz, axencias de viaxes, banca, seguros, alugueres, comercio electrónico ou venda a distancia.

En todo caso, as telecomunicacións, a banca e a electricidade son os campos que acaparan a maior parte das queixas e dúbidas dos consumidores coruñeses: a demanda de información sobre os servizos de telefonía supuxo o 28% do total, seguido das entidades financeiras (18%) e das subministracións eléctricas (13,50%).

Incumprimentos de ofertas, altas fraudulentas e cobro de servizos non contratados foron en 2013 os temas máis frecuentes de consultas e reclamacións en telecomunicacións. Na banca, os problemas relacionados con produtos bancarios complexos como as participacións preferentes e as subordinadas, mentres que no sector da electricidade, os importes facturados e os cortes de subministración sen comunicación previa foron os temas máis habituais.

Mediación en oito de cada 10 casos

En canto ao servizo de mediación, unha das tarefas máis relevantes na OMIC, Luisa Cid afirmou en que a resolución das reclamacións mediante un acordo entre as partes “é un instrumento cada vez máis útil na resolución dos conflitos”. A memoria da OMIC revela, neste sentido, que das 1.349 reclamacións presentadas ao longo do pasado ano, 1.128 foron tramitadas a través da mediación, o que representa o 84% de todas as presentadas.

A  concelleira engadiu que a mediación se consolida como o trámite máis solicitado polos consumidores até o punto de que os procedementos tramitados por esta vía subiron nun 82% no últimos cinco anos.

Respecto das reclamacións presentadas e tramitadas, un total de 539 resolvéronse favorablemente para o consumidor; 221 remitíronse á Xunta Arbitral, 414 foron derivadas a outros organismos e outras OMICS, mentres que 51 deriváronse a outras dependencias municipais e o resto foron arquivadas.

Así mesmo, o valor económico total das reclamacións presentadas ascendeu a 1.168.600 euros. Ademais realizáronse mediacións por importe de 312.828 euros e devolvéronse aos consumidores case 168.000 euros, é dicir, o 54% do total reclamado, porcentaxe similar ao alcanzado no exercicio anterior.

Perfil do consumidor

A memoria da OMIC tamén permite debuxar un perfil do reclamante coruñés a través dos datos dos seus usuarios. A franxa de idade que presenta o maior número de reclamacións corresponde ao grupo de persoas de entre 40 e 59 anos, cun 36% do total. Séguelle, cun 29,9% o colectivo de entre 21 e 39 anos.  Os maiores de entre 60 e 79 anos representan o 20%.

Por sexos, as diferenzas son mínimas, aínda que as mulleres superan lixeiramente aos homes á hora de presentar reclamacións: un 51% fronte a un 48% (o 1% restante corresponde a persoas xurídicas). En canto ao nivel de estudos, o grupo máis numeroso é dos usuarios con estudos básicos (40% ).

Sobre a procedencia dos usuarios, a oficina xestionou durante 2013 un total de 1.741 solicitudes de información de persoas non empadroadas no termo municipal da Coruña, a  maior parte foron de veciños da área metropolitana que buscaron asesoramento nas dependencias da OMIC.

O informe de actividade da OMIC tamén revela que durante o pasado ano a Policía Local realizou 48 actuacións, cinco máis que o ano anterior, entre actas e informes de servizo por carecer de follas de reclamacións e de carteis anunciadores.

Máis de 5.600 participantes en programas formativos

Por último, ao longo de 2013 puxéronse en marcha numerosos programas educativos e cursos de formación dirixidos tanto a nenos como a maiores co obxectivo de achegar á cidadáns información útil sobre consumo, ademais de dar a coñecer aos consumidores os seus dereitos e obrigacións.

Neste sentido, Luisa Cid incidiu na elevada participación alcanzada nos talleres deste ano e na “excelente acollida” de novos cursos como os seminarios sobre o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías da información por parte dos menores.

O desenvolvemento de programas como Coruña Educa, con 4.768 participantes, ou a Escola de Verán (200)  foron, un ano máis, fundamentais no labor formativo da OMIC. En total, durante o pasado ano realizáronse un total de 343 itinerarios formativos e talleres que contaron coa participación de 46 centros e 5.679 participantes entre escolares e adultos.

9 de abril de 2014 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.