A oferta cultura vilagarcián inclúe un musical infantil e o concerto homenaxe a Paco de Lucía
A última semana do mes de abril chega con actos para nenos e adultos. Un espectáculo músico literario infantil no Salón García pola tarde e a homenaxe a Paco de Lucía que realizará o guitarrista Antonio Muñoz no Auditorio pola noite son as dúas propostas lúdicas para a xornada do sábado.
Os nenos e nenas de Vilagarcía teñen a oportunidade pasar unha fantástica e divertida tarde de sábado co espectáculo musical Toc Toc que se representará esta fin de semana no Salón García. A obra, baseado nun conto-disco de Pablo Díaz, chega a Vilagarcía no marco da xira galega do programa FalaRedes que ten coma obxectivo promover e dinamizar o uso da lingua galega entre a infancia e a mocidade con diversas propostas lúdicas. Toc Toc comezará ás 18:0 horas e a entrada é libre ata completa aforo.
Despois do éxito acadado co seu anterior espectáculo, Tic Tac, Pablo Díaz regresa agora con Toc Toc, un musical baseado no libro-disco homónimo publicado en novembro pola editorial Galaxia e que ilustra Nuria Díaz. Neste espectáculo, o autor invita aos cativos a cantarlle á alegría e á amizade, á vez que inculca nos cativos valores como o ecoloxismo ou a paz, dun xeito lúdico e co galego como lingua.
Toc Toc rima con rock, pop, folk e tamén co soul, que aquí se mesturan coa tradición galega ao cobrar protagonismo sobre o escenario os romances infantís O piollo e a pulga e Mazarico, que converten o concerto nunha festa na que os nenos e nenas bailan e cantan na nosa lingua.
O embruxo da guitarra flamenca
A proposta musical para a velada do sábado ten como protagonista ao guitarrista Antonio Muñoz Fernández, gañador do Festival del Cante de Las Minas, que fará soar a súa guitarra española para render homenaxe ao recentemente falecido Paco de Lucía.
O concerto celebrarase ás 20:30 horas no Auditorio e será a única actuación que faga en Galicia Antonio Muñoz que, para a ocasión, contará co acompañamento do cantaor Agustín Garnés García. As entradas para o concerto de Antonio Muñoz véndense a 7 e 10 euros e poderanse adquirir o mesmo día da actuación a partir das 18:30 horas no Auditorio; e de xeito anticipado a través de servinova.
Esta será unha ocasión excepcional de presencial en Vilagarcía un concerto de guitarra española e música flamenca a cargo de dous grandes mestres dun xénero que non se prodiga en exceso por estas latitudes.











