A obra ‘Radio Torreiro’ abre a “primavera teatral” de Paiosaco
A “Primavera Teatral” de Paiosaco abrirase este venres co primeiro dos tres espectáculos incluídos neste ciclo que organiza o Concello da Laracha coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña.
Os cómicos Pedro Brandariz e Felipe Díaz “Caxoto” son os protagonistas de Radio Torreiro, unha emisora radiofónica que en cada función teatral fai unha emisión en directo co público como protagonista e único receptor. Esta emisora tan particular é temática: encárgase de recoller toda a información vinculada ás festas, verbenas, romarías e demais celebracións populares que poboan Galicia durante todo o ano.
Os dous locutores irán debullando os diferentes programas da grella onde se irán recollendo as escenas máis cómicas das festas: os bailes da sesión vermú, as encherolas das festas, as repichocas das verbenas, as incómodas situacións á hora de pedir para a festa, etc. Todo dende un punto de vista humorístico, irónico e mordaz.
A comedia Radio Torreiro vai dirixida preferentemente ao público adulto. A actuación desenvolverase no auditorio do centro sociocultural de Paiosaco o venres a partir das 21.00 horas. A entrada é libre e gratuíta para todas as persoas que estean empadroadas no Concello da Laracha.











