A mostra que conmemora as Letras Galegas 2014 poderá visitarse en Pontevedra ata o 14 de abril
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria difunde en Pontevedra a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado en 2014 con motivo das Letras Galegas. Faino a través da exposición itinerante ‘Nimbos de luz’, que na súa terceira parada chega á Biblioteca Antonio Odriozola, onde permanecerá ata o próximo 14 de abril.
Logo da súa inauguración no Concello de Guitiriz, o pasado 19 de febreiro –día do centenario do nacemento de Díaz Castro– e do seu paso pola delegación da Xunta de Galicia en Vigo, a mostra fai parada na cidade do Lérez. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou hoxe a mostra na biblioteca nodal pontevedresa, onde foi recibido pola directora, Pilar Fernández.
Os departamentos de Cultura e de Política Lingüística da Consellería promoven esta exposición, que está comisariada por Alfonso Blanco Torrado, por Luís González Tosar e por Armando Requeixo. A través de 14 paneis temáticos, que se completan cunha parte audiovisual, na que se inclúe a proxección do documental ‘O instante eterno’, de Xosé Antón Cascudo, ‘Nimbos de luz’ permite unha importante aproximación á obra do poeta, tradutor e intelectual Díaz Castro. A exposición, que se acompaña de folletos ilustrativos nos que se reflicte o contido da mostra, forma parte da programación que a Consellería de Cultura e Educación está a promover este ano arredor das Letras Galegas.
Percorrido por 15 puntos da xeografía galega
A mostra ‘Nimbos de luz’ encetou o seu periplo por 15 puntos de Galicia o pasado 19 de febreiro na vila natal de Díaz Castro, onde se puido visitar na Casa Habanera ata o 8 de marzo, e, antes de chegar a Pontevedra, puido visitarse na sede da Delegación da Xunta de Galicia, do 11 ao 24 de marzo.
Tras o seu paso pola sede da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, no que fará parada desde hoxe ata o 24 de marzo, a mostra chega a Pontevedra, onde a acollerá a biblioteca nodal do 26 de marzo ao 14 de abril.
O Centro Cívico da localidade coruñesa de Cerceda abrirá, do 16 de abril ao 8 de maio, a itinerancia da exposición ‘Nimbos de luz’ en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, que incluirá como complemento e no marco da súa programación anual a xincana lingüística ‘Xosé María Díaz Castro na voz da xente’, destinada, en colaboración cos concellos, a alumnado de último ciclo de primaria e primeiro de secundaria.
As seguintes paradas serán a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela (do 10 ao 26 de maio), a nova Casa das Letras da Estrada (do 28 de maio ao 11 de xuño), o Multiúsos da Xunqueira de Redondela (do 13 ao 29 de xuño), o Auditorio de Vilagarcía de Arousa (do 1 ao 30 de xullo), o Real Seminario de Santa Catalina de Mondoñedo (do 1 ao 29 de agosto), a Biblioteca Miguel González Garcés (do 2 ao 16 de setembro), a biblioteca nodal de Lugo (do 18 ao 30 de setembro), a Casa da Xuventude de Ourense (do 2 ao 16 de outubro) e a Casa da Cultura da Rúa (do 18 de outubro ao 3 de novembro).
A mostra coa que a Consellería de Cultura e Educación quere achegarlle á cidadanía a figura, a vida e a obra do autor ao que a Real Academia Galega lle dedica as Letras Galegas 2014 rematará a súa andaina no derradeiro mes do ano no concello ourensán de Celanova (do 16 ao 30 de decembro), logo de facer parada no concello coruñés de Cee (do 1 ao 14 de decembro).











